Nunha década os pisos de menos de 30 m2 na Galiza multiplicaron por seis e xa superan os 10.000
O Censo de Vivendas do Instituto Nacional de Estatística (INE) de 2021 último realizado e publicado en 2023- recolle como na Galiza cada vez temos vivendas máis pequenas. Os ‘minipisos’ van a máis, tanto como consecuencia dos prezos dos pisos máis grandes como polos novos hábitos e formas de vida, con cada vez máis xente a vivir soa.
Así, se en 2011 había na Galiza menos de 1.800 vivendas con menos de 30 metros cadrados de superficie, o número superaba as 10.000 en 2021. Multiplicárase por seis en apenas 10 anos.
Outro aumento importante foron os pisos cunha superficie de entre 30 e 45 m2, que se en 2011 eran 22.900 unha década despois superaban os 45.000. E de 46 a 60 m2 pasouse de 81.000 a case 120.000.
Idade das vivendas
O parque de vivenda galega avellenta, como a poboación. A Galiza conta cun dos mapas máis vellos de inmóbeis para habitar, onde case catro de cada dez vivendas suma máis de 50 anos de existencia. Case 95.000 vivendas son de antes de 1900, máis dun século de existencia.
Unha de cada tres vivendas na Galiza ten máis de 50 anos de idade. Delas, ao redor de 143.000 son de entre 1900 e 1950, polo que suman entre 120 e 70 anos de idade.
No país hai, con base nestes rexistros do INE, máis de medio millón de vivendas baleiras (506.370) sobre un total de 1,75 millóns de fogares. En termos absolutos, e malia non ser precisamente o territorio galego o que maior superficie abrangue dentro do Estado español, só Andalucía conta con máis pisos e casas deshabitadas: 641.437.

