Nova avaría no Edificio de Cristal do CHUO
O BNG afirma que “non é normal que cada dous por tres haxa avarías deste tipo, despois do gran rebentón de abril e dos derrubamentos do materno” e pide “unha auditoría das instalacións sanitarias”.
Noa Presas, deputada do BNG por Ourense, rexistrou unha batería de iniciativas no Parlamento Galego exixindo "transparencia e explicacións" sobre a nova avaría rexistrada na mañá desta segunda feira na 3ª planta de cardioloxía do Edificio Cristal. Para a deputada “é escandaloso que como se non fora suficiente o colapso de Urxencias e a falta de camas nesta primeira quincena de xaneiro, na que non está habendo capacidade suficiente para atender a incidencia de enfermidades respiratorias, o Hospital de Ourense volva ser protagonista da actualidade por outro rebentón de tubaxes que afortunadamente non supuxo danos persoais”.
A deputada lembra que “a constante sucesión de incidencias deste tipo, como o rebentón do mes de abril e as incidencias que tiveron que levar ao peche do Materno, provocan unha enorme inseguridade na cidadanía polo que desde o Grupo Parlamentar do BNG insistimos en que se faga unha auditoría independente sobre o estado das instalacións do Complexo Hospitalario e pedimos explicacións concretas sobre esta última avaría”.
Así mesmo, Presas afirma que “desde o BNG insistimos en ter acceso aos informes que recomendaron derrubar o Hospital materno infantil xa que a día de hoxe, case un ano despois da crise dos derrubamentos, esa información é ocultada á cidadanía ao tempo que non hai avances no novo edificio de hospitalización que debía levar un ano rematado”.
Noa Presas recorda que o acontecido esta segunda feira é “outra vez a imaxe da precariedade da situación da Área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, máis propia dunhas instalacións de posguerra que do século XXI, porque non é a primeira vez que acontece”.
