"O único que pedimos é poder falar con voz propia, como facemos hoxe aquí". Verónica Veres, presidenta da federación galega de redeiras O Peirao foi unha das primeiras galegas, traballadoras do mar, en tomar a palabra no marco das xornadas europeas Mulleres da Pesca que hoxe se clausuran en Bruxelas.
Durante tres días, unha delegación galega integrada por redeiras, mariscadoras, patroas maiores e conserveiras participaron en diferentes sesións de traballo dirixidas a dar a coñecer o seu oficio mais o trato desigual entre homes e mulleres no sector da pesca, o marisqueo e as industrias asociadas canda a mulleres de Croacia, Chipre, Irlanda, Italia, Reino Unido e as Azores.
Coeficientes redutores
"Somos o único subsector da pesca que non temos o coeficiente redutor malia a estar demostrado que o necesitamos pola dureza do noso traballo", denuncia Veres, firme defensora do traballo das redeiras como garantía de futuro. "Se non hai redeiras non hai pesca", sentencia.
"Non podemos acceder a ningún tipo de axuda e estamos excluídas de todos os estudos".
Verónica Veres censura, ademais, a ausencia deliberada das mulleres das mesas de toma de decisión. "En 2015 reformouse a Lei de pesca e non nos incluíron. Non podemos acceder a ningún tipo de axuda e estamos excluídas de todos os estudos. Así, non podemos realizar a nosa profesión coa dignidade que merecemos".
Liderado e poder de decisión
Esa dignidade, apuntan desde outros colectivos, pasa tamén polo liderado das propias mulleres, que poucas veces teñen acceso a postos de dirección e de decisión. "Na Galiza tan só somos seis patroas maiores á fronte doutras tantas confrarías, e desde esa responsabilidade podemos facer tanto ou máis que os homes", salienta a patroa de Vilanova, María José Vales. Hai moito machismo contra o que loitar, incide. "Nunca nos dan nin a palabra nin a voz necesaria cando queremos falar. Sempre se escudan nunha minoría irreal, porque somos maioría".
"Na Galiza tan só somos seis patroas maiores á fronte doutras tantas confrarías".
Desde o ámbito do asociacionismo ligado ao mundo do mar, as profesionais reclaman maior visibilidade. Recursos e oportunidades para incrementar o liderado das mulleres e mais para promover a igualdade. "Queremos ser as nosas propias donas", sinala Susana Amézaga, portavoz da Asociación de Mulleres do Mar de Arousa. "Hai un exceso de paternalismo, tamén por parte da Administración. E non necesitamos tanta protección, senón fondos para pór en marcha os nosos propios proxectos.
Acceso directo ás axudas
Ademais de alentar a loita contra a discriminación, as profesionais galegas do mar demandan a revisión dos coeficientes redutores para todas as actividades, o recoñecemento das doenzas profesionais e acceso aos órganos de goberno para poder traballar pola formación das mulleres e seguir medrando en autoestima e capacidade. Neste sentido, a eurodeputada do BNG, Ana Miranda, avanzou que pedirá o acceso directo das asociacións de mulleres do sector do mar aos fondos europeos marítimo pesqueiros para combater a precariedade.