Miles de persoas exixen no Día do Orgullo LGTB+ a fin da discriminación
A Galiza inzou as rúas de cores e proclamas en defensa dos dereitos da comunidade LGBT+. No Día do Orgullo miles de persoas marcharon polas rúas da Coruña, Lugo, Ourense, Ferrol e Compostela para reclamar avances reais e transformadores que poñan fin á "escalada de violencia e agresións" que o colectivo segue a denunciar.
Despois dun mes de encontros, accións lúdicas e reivindicativas en numerosas vilas e cidades do país, o Día do Orgullo xuntou as organizacións de base en espazos abertos e visíbeis para celebrar "a liberación das disidentes de xénero e de orientación sexual" e reforzar a loita pola conquista "dos nosos dereitos".
Mobilizacións
Baixo o lema 'Educación, dereitos e paz: Orgullo que transforma', centos de persoas marcharon na Coruña na mobilización convocada por ALAS co apoio de múltiples entidades socias e que decorreu entre a praza de Ourense e a de María Pita. Exixiron unha educación en diversidade e censurar o desprazamento do discurso activista sobre os dereitos humanos, "baleirados de contido reivindicativo", que branquea a prédica de odio e alenta posicións LGBTfóbicas.
As mobilizacións de Lugo e Ferrol, convocadas por Avante LGBT+, así como a da cidade das Burgas, convocada pola asociación Orgullo Ourense, sumáronse á data "berrando contra as inxustizas que nos cruzan cada día e sen esquecer a quen loitaron para que hoxe poidamos nomearnos".
En Compostela o Orgullo comezou no parque de Belvís con xantar e foliada. A manifestación, organizada por Amizando e Avante LGBT+, transcorreu entre a Praza 8 de Marzo e Pratarías, onde as convocantes deron lectura a un manifesto solidario coa resistencia palestina. "Non hai Orgullo no xenocidio e non hai Orgullo no imperialismo!", clamaron, antes de interpelar as institucións públicas e "denunciar o seu abandono das persoas LGBT+ na Galiza e no Estado". En Vigo e Pontevedra as manifestacións serán este sábado.
'Galiza Orgullosa'
Acompañado pola conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, o presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, asistiu onte á inauguración da exposición 'Galiza Orgullosa'. "Dereitos, igualdade e respecto á diversidade son conceptos básicos pero determinantes na nosa convivencia e progreso. Galiza é exemplo de traballo diario por cada un deles" resumiu o presidente no seu perfil de X.
"Lavado de cara"
A iniciativa do Goberno galego bateu onte ás portas do Parlamento da Galiza coa "contra-exposición" da organización Avante LGBT+, un acto de protesta ante o que consideran un "intento de lavado de cara da Xunta da Galiza con motivo do Orgullo. Negámonos a ser utilizadas por un partido que sempre se opuxo aos nosos dereitos", declarou Estrela García, da coordinadora nacional de Avante LGBT+, en resposta ao discurso da Xunta da Galiza, a quen emprazou "a traballar para cumprir coa súa obriga de garantir a igualdade de dereitos de todas as persoas".
Unha igualdade real que exixe o cumprimento da Lei pola igualdade de trato e a non discriminación de lesbianas, gais, transexuais, bisexuais e intersexuais; a creación de servizos de atención LGBT+ comarcalizados; medidas contra a pobreza e a exclusión social e financiamento que acompañe as persoas LGBT+ no marco asociativo.
Emprego e dereitos
A discriminación laboral das persoas LGBT+ foi unha das denuncias centrais das entidades do colectivo mais tamén dos sindicatos. A CIG denuncia "o desinterese do Goberno español e das organizacións partícipes do diálogo social ante a discriminación do colectivo LGBT+ no ámbito laboral". Concretamente, refírese "á fraude que representa o proxecto de Real Decreto para a igualdade real e efectiva das persoas trans e para a garantía dos dereitos das persoas LGBT+".
Sinalan que todo o avance previsto na aplicación da lei no ámbito laboral "vaise reducir a medidas simplemente declarativas nos convenios e non, como se agardaba, na negociación de medidas de cambio real", baixo a forma, indican, de plans de igualdade, con propostas deseñadas conforme a realidade concreta de cada empresa tras realizar unha análise previa da situación nestas, como estaba previsto inicialmente.
Pola súa parte, CCOO organiza pasadomañá en Compostela unha xornada de sensibilización co título "Realidade cotiá fronte a dereitos formais". O obxectivo é reflexionar sobre os dereitos que teñen formalmente recoñecidos as persoas LGBT+, "que en moitas ocasións non os poden exercer con plena liberdade porque persisten condutas discriminatorias".
UXT destaca o acordo contra a discriminación das persoas LGBT+ no ámbito laboral cuxo obxectivo é conseguir espazos de traballo seguros e inclusivos e que foi firmado esta semana co Ministerio de Traballo, ademais de por UXT, por CCOO e a patronal.




