Máis de 5.000 persoas piden a paralización de 300 parques eólicos na Galiza

Mobilización en defensa das montañas convocada por 'Eólica Así Non' na comarca de Ferrol.
'Eólicos si, pero non así', 'Montañas sagradas, aldeas habitadas', 'O Capital bótanos do rural', 'Non, non, non a esta invasión; non, non, non á colonización', 'Que nos escoiten, queremos vivo o monte' ou 'Non ao espolio do noso patrimonio' foron algunhas das consignas máis coreadas nas 22 localidades galegas que se sumaron ás protestas.

En defensa das montañas e do rural galego. Máis de 5.000 persoas mobilizáronse este sábado nunha vintena de localidades galegas en contra da invasión eólica que ameaza actualmente o noso territorio.

Entidades sociais, ecoloxistas, políticas, sindicais e participaron en 22 mobilizacións convocadas pola coordinadora galega 'Eólica Así Non' coincidindo co Día mundial das Montañas.

Ocuparon prazas, realizaron andainas e subiron ao monte para reivindicar diante das Administracións públicas a preservación destes ecosistemas fronte a actual vaga eólica, baixo o lema 'Na defensa das montañas. Eólica Así Non'.

Como xa acontecera o pasado 5 de xuño na Praza do Obradoiro de Compostela, a resposta da sociedade galega "foi contundente". A multitude volveu reclamar á Xunta a paralización urxente, real e efectiva dos case 300 parques eólicos que se atopan actualmente en tramitación e que se prevén instalar no noso país.

Marchas simultáneas

De forma simultánea e descentralizada, máis de 170 entidades rexeitaron “a falaz e inútil moratoria anunciada polo Goberno de Alberto Núñez Feixoo” por non ter ningún efecto sobre os actuais proxectos en tramitación.

Segundo defenden desde 'Eólica Así Non' o único que consegue "é confundir a opinión pública e desmobilizar a sociedade". Porén, advirte, "o Goberno da Xunta non conseguiu desmotivarnos. Agora máis que nunca reivindicamos a derrogación do desfasado Plan eólico de Galiza e das leis de depredación da Xunta -Lei de fomento de implantación de iniciativas empresariais e Lei de simplificación administrativa- de cara a deseñar unha nova planificación eólica, participada pola sociedade galega, xusta coas persoas e respectuosa co rural e co medio ambiente galego".

Doutra forma, sinalan "estaríamos deixando en mans do oligopolio eléctrico o futuro do noso territorio".

Cambio no modelo eólico

Tras o "éxito desta gran mobilización" a coordinadora entende que a Xunta debe reconsiderar un cambio no modelo de implantación eólica e, por extensión, un cambio de modelo enerxético, no que se aposte polas enerxías renovábeis, "pero non co fin de satisfacer as ansias especulativas do lobby enerxético e á costa de sacrificar o noso territorio, senón pensando no interese xeral".

"O novo modelo de implantación da enerxía eólica debería estar fundamentado na soberanía enerxética, no fomento do aforro e da eficiencia enerxética, no autoconsumo e na xestión pública do recurso ao servizo da sociedade galega". 

Impacto sobre o patrimonio

En cada unha da 22 localidades que este 11 de decembro marcharon contra o boom eólico, os colectivos afectados fixeron fincapé no "irreparábel impacto" que os perto de 300 proxectos eólicos, xunto coas súas liñas de evacuación e outras infraestruturas asociadas, terían sobre a rede de montañas galegas.

"Estes ecosistemas, que constitúen o principal obxectivo de ocupación das promotoras eólicas, representan un papel fundamental no desenvolvemento e resiliencia da nosa sociedade. As montañas son a nosa principal fonte de auga e de alimento, son refuxio das especies e hábitats de maior interese para facer fronte ao quecemento global, regulan o clima e controlan a erosión do solo, son paisaxe e reservorios do noso patrimonio cultural".

Son, concluíron, "unha peza clave para o equilibrio ecolóxico de Galiza, polo que a súa destrución estaría poñendo en risco o noso futuro e o das vindeiras xeracións".

'Eólica Así Non', presente en 22 concellos

Eólica Así Non convocou a sociedade galega en 22 localidades: Bembibre-Val do Dubra, Carral, Coristanco, Ferrol, Mazaricos, Antas de Ulla, Becerreá, Chantada, O Courel, Foz, Lugo, Meira, Vilalba, A Lama, Bueu, Cerdedo, Gondomar, Marín, Pontevedra, Vila de Cruces, Castro Caldelas e Laza.

En Bembibre (Val do Dubra), Ferrol, Cerdedo ou Antas de Ulla as manifestacións e os percorridos a pé cortaron o tráfico de varias estradas.

Nas mobilizacións convocadas para A Lama, Mazaricos, Marín e Gondomar realizáronse subidas aos montes ou montañas máis emblemáticas onde deron lectura ao manifesto 'Na Defensa das Montañas. Eólica Así Non'.

As mobilizacións máis concorridas foron as de Bembibre (Val Do Dubra), Ferrol, Marín, Gondomar, seguidas de Pontevedra, Lugo, Foz, Vila de Cruces, Cerdedo, Carral e Meira.

En Lugo, Foz e Vilalba os actos estiveron acompañadas polo son das gaitas tradicionais e recitais poéticos. En Castro Caldelas a xornada reivindicativa finalizou cunha chocolatada.

Na concentración de Becerreá o encargado de ler o manifesto foi o veciño da Fonsagrada e protagonista de O que Arde, Amador Arias.

Na andaina polo monte de Gondomar houbo unha especial presenza dos clubs de montaña da comarca. Só a última hora se desconvocou a concentración prevista en Seoane do Courel por motivos de prevención fronte á Covid.

Consignas

Algunhas das consignas máis proclamadas nesta xornada de concentracións foron 'Eólicos si, pero non así', 'Montañas sagradas, aldeas habitadas', 'O Capital bótanos do rural', 'Non, non, non a esta invasión; non, non, non á colonización', 'Que nos escoiten, queremos vivo o monte' ou 'Non ao espolio do noso patrimonio'.