Un parque de Greenalia incumpre as disposicións do Plan sectorial eólico

En exposición pública un plan do que o Goberno informou desfavorabelmente
A Frouseira é un dos conxuntos patrimoniais afectados polo parque eólico. (Foto: Xunta da Galiza) #afrouseira #patrimonio #parqueeólico #eólica
photo_camera A Frouseira é un dos conxuntos patrimoniais afectados polo parque eólico. (Foto: Xunta da Galiza)

'Borrasca' é un dos tres grandes proxectos eólicos promovidos polo grupo Greenalia no norte galego. Neste caso trátase dun complexo cunha potencia de 84 megawatts, situado nos concellos de Alfoz, Barreiros, Cervo, Xove, Foz, Lourenzá  Mondoñedo e con 15 aeroxeradores situados nestes tres últimos municipios. Malia que a instalación atópase en trámite de exposición pública desde o pasado 18 de agosto, o Goberno galego tense manifestado contra a súa construción vai para un ano.

O 6 de xullo de 2020, a Dirección Xeral Enerxía e Minas emitía un escrito onde "informa desfavorabelmente ao proxecto do parque eólico Borrasca de 84 de MW, promovida Greenalia Wind Power Borrasca, porque a totalidade do parque eólico, instalacións e poligonal, incumpre as disposicións estabelecidas no Plan sectorial eólico da Galiza". A resolución, asinada polo cesado director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, responde ao fixado na Lei eólica da Galiza de 2009, que determina que para a implantación dos parques eólicos fóra das zonas delimitadas no Plan sectorial débese contar co informe preceptivo da Xunta da Galiza.

A lexislación galega nesta materia é clara. Así, a Lei 8/2009, de 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galiza e se crea o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, na redacción dada pola disposición final 6.2 da Lei 9/2021, de 25 de febreiro, dispón que "non poderán implantarse parques eólicos fóra das áreas incluídas no Plan sectorial eólico de Galicia, fóra das modificacións substanciais dos parques en funcionamento nos termos que se desenvolvan regulamentariamente, así como aqueles proxectos que teñan unha clara incidencia territorial pola súa entidade económica e social, e sexan declarados como tales polo Consello da Xunta de Galiza, a proposta da consellaría competente en materia de enerxía".

As críticas dos opositores ao proxecto diríxense, tamén, ao incumprimento da normativa patrimonial e ambiental. A este respecto denuncian a proximidade do parque eólico a Zona de Especial Protección dos Valores Naturais-Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPVN-ZEPA) da ría de Foz e a Zona de Especial Protección dos Valores Naturais-Zona de Especial Conservación (ZEPVN-ZEC) do río Ouro, integradas na Rede Natura 2000. Neste sentido, Iago Villamil, concelleiro do BNG en Foz e veciño de San Martiño de Mondoñedo, un dos núcleos máis afectados pola proposta de Greenalia, denuncia a Nós Diario "o impacto sobre os espazos da Rede Natura 2000 polo parque eólico, xa que están afectados os territorios de distribución, alimentación e dispersión das especies para as que se declararon os devanditos espazos".  

'Borrasca' afecta diversos Bens de Interese Cultural (BIC) recoñecidos polo Goberno galego. Así, Villamil denuncia "a instalación de aeroxeradores a dous quilómetros da igrexa de San Martiño de Mondoñedo", unha edificación do século XII, erguida sobre unha construción anterior que algúns autores ligan ao mosteiro Máximo do século V e considerada como unha das grandes pezas do románico galego. Na mesma situación  atópase o castro de Fazouro, un xacemento arqueolóxico datado entre o século I e III, a torre do Pico da Lebre e os restos da fortaleza da Frouseira, todos eles localizados no concello de Foz.

Ameaza á Frouseira

A Frouseira é un dos espazos máis simbólicos da Galiza por ser un escenario central da loita do mariscal Pedro Pardo de Cela contra os Reis Católicos. Neste enclave o mariscal vai resistir durante meses ás tropas castelás ao longo da rebelión galega da penúltima década do século XV, ficando da vella fortaleza unhas poucas edificacións en pedras así como diferentes edificacións defensivas.

Outro lugar de grande valor patrimonial afectado polo proxecto eólico é o Pico da Lebre, xacemento catalogado e protexido pola Consellaría de Cultura, onde o cronista oficial de Foz, Xoán Ramón Fernández Pacios sitúa unha importante construción de "pedra mentres que as construcións interiores, serían de madeira" empregada durante a Alta Idade Media con fines defensivos e como "facho ou faro" para os navegantes. 

Comentarios