A serra de Meira, afectada polos eólicos

A burbulla eólica ameaza as comarcas de Meira e da Terra Chá. Actualmente atópanse en tramitación catro instalacións, promovidas por Greenalia e Green Capital Development, que suman no seu conxunto unha potencia instalada de 278 megawatts e que afectan a núcleos de poboación e terras de alto valor agrícola.
Aeroxeradores en vermello e liñas de evacuación en azul dos parques eólicos de Boura, Ventisca e Monzón. (Foto: Plataforma Monfero di Non)
photo_camera Aeroxeradores en vermello e liñas de evacuación en azul dos parques eólicos de Boura, Ventisca e Monzón. (Foto: Plataforma Monfero di Non)

O pasado 14 de outubro coñecíase unha petición Green Capital Development, a empresa madrileña propiedade de Jesús Martín Buezas, ex xenro de Florentino Pérez, para desenvolver un complexo eólico nos concellos de Abadín, Cospeito e A Pastoriza. A instalación, denominada Ruliña, prevé 13 aeroxeradores de 125 metros de altitude,  unha potencia de conxunto de 65 megawatts e unha liña de evacuación que afecta aos concellos de Mondoñedo, Lourenzá e Foz. 

O responsábel do Sindicato Labrego Galego (SLG) en Meira e membro da plataforma “Eólicos así non”, Brais Álvarez, sinala a Nós Diario que “este proxecto ocupa terreos de explotacións gandeiras e nalgún caso chega a ocupar 90% da extensión dalgunha explotación en extensivo, o que compromete o seu futuro e está levando os seus donos a pensar se continúan coa actividade ou non”.

Ruliña é o último complexo eólico en presentarse na comarca. Con anterioridade, a compañía Greenalia, onde ocupa un posto directivo de relevo a ex conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato, ten dado a coñecer outros tres proxectos. Un deles, designado como Boura, cunha potencia prevista de 72,8 megawatts, pretende erguer 13 aeroxeradores  entre Abadín e A Pastoriza, un dos concellos con máis potencia gandeira da Galiza e cun importante sector lácteo.

Greenalia tamén está detrás de Ventisca. Este complexo eólico prevé levantar 16 aeroxeradores de 150 metros de altitude cunha potencia total de 89,6 megawatts nos concellos de Meira e Pol. A este respecto Brais Álvarez indica que as “parroquias de Pol de Valonga, Rioxoán e Belesende quedan rodeadas de torres eólicas”, sinalando que “os aeroxeradores sitúanse a pouco máis de 500 metros das casas e das explotacións gandeiras nos núcleos de Valonga e Hermunde”, este último tamén localizado no concello de Pol.

Ás portas de Meira

A incidencia de Ventisca é importante en Meira. Neste caso os eólicos fican moi próximos á vila e ao nacemento do río Miño e do río Eo, chegando a súa área de influencia ao concello de Baleira, cuxo territorio aparece incorporado á poligonal deste desenvolvemento eólico.
Meira e A Pastoriza acollen o parque Monzón. O seu proxecto recolle unha potencia instalada de 50,4 megawatts en 9 aeroxeradores, algúns dos cales están a menos de dous quilómetros de distancia do nacemento do río Miño e a un quilómetro do polígono industrial de Meira. Porén, a maioría do complexo vai sobre terras agrícolas, que actualmente utilizan explotacións da zona para cultivo de forraxes e pastoreo de gando.

Álvarez advirte das poligonais dos catro proxectos eólicos presentados para esta zona. “Estes proxectos levan unhas poligonais enormes, incluso solapándose nos caso de Ruliña e Boura, coas que as empresas adquiren dereitos enerxéticos no territorio”, continúa Álvarez, quen destaca que “en todos estes proxectos estamos vendo como ocupan enormes extensións de superficie agraria útil, que na Galiza xa é moi escasa e neste caso formulan proxectos nunha das comarcas con máis actividade labrega da Galiza, cun impacto moi importante sobre as granxas e a poboación”.

Os prexuízos económicos

Os prexuízos económicos destas instalacións eólicas preocupan de maneira particular á veciñanza. Unha mostra disto é o importante número de explotacións gandeiras con relevo xeracional afectadas, pero tamén a oposición de organizacións empresariais, como a Asociación de Comerciantes e Industrias de Meira, que é unha das promotoras dunha  mobilización prevista nesta localidade contra os proxectos eólicos o vindeiro 11 de decembro.

A posíbel fragmentación dun único proxecto paira sobre os parques impulsados por Greenalia baixo a denominación de Boura, Ventisca e Monzón. Neste sentido, Brais Álvarez destaca que “estas tres instalacións partillan a liña de evacuación e no caso de Ventisca e Monzón a única separación entre ambos é de aproximadamente dous quilómetros, basicamente porque colle a vila de Meira polo medio, polo que nós alegamos que existe unha fragmentación do parque, algo que é ilegal”.

O emprazamento previsto para os parques proxectados na serra de Meira está situado fóra do territorio delimitado polo Plan sectorial eólico da Galiza. Nesa liña, o Goberno galego ten informado desfavorabelmente a súa instalación, porén Álvarez destaca que “isto non implica nada porque a competencia para a súa aprobación é do Ministerio de Transición Ecolóxica, que vai determinar a súa idoneidade, independentemente do que diga a Xunta".

Mobilización veciñal

A poboación de Pol, Pastoriza e Meira está en pé de guerra contra as instalacións eólicas. Unha mostra disto son as masivas asembleas veciñais ou o alto número de alegacións da veciñanza en cada un dos tres concellos. Precisamente, os Gobernos de Meira e Pastoriza xa teñen rexeitado os parques.

Comentarios