Noia volveu saír á rúa contra os recortes de persoal no ensino
A comunidade educativa do CEIPP Alexandre Rodríguez Cadarso de Noia (comarca homónima) mobilizouse de novo para denunciar a política de recortes da Xunta da Galiza que, aseguran, compromete a calidade do ensino.
Un dos principais focos de conflito está na aula de terceiro de primaria. O curso pasado, cando o grupo cursaba segundo, autorizouse o desdobre ao superar a ratio de alumnado unha vez ponderadas as necesidades do alumnado con discapacidade. Este curso, con 25 nenos e nenas —equivalentes a 29 ao aplicar a ponderación prevista no DOG do 17 de xaneiro de 2024—, Educación négase a repetir a medida.
A isto súmase a ameaza de supresión dunha praza definitiva de primaria con perfil de inglés. A docente que a ocupaba incorporouse ao corpo de Secundaria, e desde Inspección sosteñen que o centro só ten dereito a cinco prazas de Primaria máis unha de francés. Porén, o catálogo oficial publicado no DOG en 2018 recolle expresamente seis prazas de Primaria e unha de francés.
Gradas do IES Murguía
A deputada do PSdeG Silvia Longueira reclamou esta quinta feira na comisión de Educación do Parlamento galego á Consellería que retire as gradas do IES Manuel Murguía de Arteixo (comarca da Coruña)pola súa “lamentábel situación de deterioro”, que as converte "nun perigo para os alumnos e o público en xeral".
Por outra parte, Rosana Pérez (BNG), puxo esta quinta riba da mesa na mesma comisión a situación do CEIP Ana María Diéguez de Asados, Rianxo (Barbanza). Pérez alertou de que a falta de especialistas en Pedagoxía Terapéutica, Audición e Linguaxe e Orientación impide garantir a inclusión e unha educación de calidade para o alumnado con necesidades específicas.