Os tests de antíxenos e as PCR son insuficientes por mor da alta demanda

A falta de recursos colapsa a Atención Primaria na Galiza

Dúas persoas acceden ao Punto de Atención Continuada (PAC) de Maceda (Foto: Rosa Veiga / Europa Press).
O Goberno galego insiste en que a pandemia está "controlada" na Galiza porque a ocupación hospitalaria é baixa. Porén, o país rexistra o maior número de casos activos desde marzo de 2020, e a inmensa maioría deles gardan corentena nos seus domicilios baixo o atento seguimento dos pouco máis de 2.600 médicos que conforman a Atención Primaria, unha especialidade que, advirten as e os profesionais, "xa está totalmente colapsada". Na última década perdéronse un cento de profesionais neste servizo.

Asexta vaga da Covid-19, na que a variante Ómicron comeza acaparar todo o protagonismo e a vacinación coa pauta completa alcanza 86,7% da poboación galega, está a responder de forma totalmente diferente ás anteriores. A incidencia dispárase a cifras de récord, con máis de 2.000 novos contaxios diarios desde o pasado 23 de decembro.

Porén, isto non se traduce, cando menos até o de agora, nun incremento exponencial dos ingresos hospitalarios. Hoxe só 1,15% das persoas infectadas precisan da hospitalización, catro puntos e medio menos que no pico máis alto da terceira onda, cun dato de 5,84%. Mais que os hospitais teñan aínda capacidade abonda para soportar unha repunta dos internamentos non impide que os demais estamentos do sistema sanitario, nomeadamente a Atención Primaria, o nivel asistencial básico, estean a atravesar xa unha situación crítica.

De feito, o Servizo Galego de Saúde (Sergas) confía ás e os profesionais desta especialidade o seguimento dos casos activos asintomáticos ou con cadros sintomáticos leves. Tamén son elas e eles as que deben concertar unha cita para unha proba PCR se unha persoa doente presenta síntomas compatíbeis coa Covid-19.

"Pídennos facer medicina preventiva, exercer de rastrexadores... E todo isto sumado á carga de traballo que xa temos a diario alén do coronavirus. Isto pode pasar durante uns poucos días ou semanas, mais levamos así desde o inicio da pandemia. Míreno como o miren, non é que o sistema vaia colapsar, senón que xa está colapsado e non damos abasto", sinala a Nós Diario o médico de familia en Outes e portavoz de SOS Sanidade Pública Xosé María Dios Diz.

Na mesma liña apunta a doutora Esther Mato, do centro de saúde de Monte Alto (A Coruña): "Cando falamos da Primaria non podemos reducila aos centros de saúde, porque o noso traballo vai máis aló. Temos moitas enfermeiras vacinando en Expocoruña ou a domicilio a persoas con mobilidade reducida, atendemos nas casas... Até na rúa, porque se chaman ao 061 tamén nolo derivan". Mato afirma que a pasada semana, que deu inicio ás celebracións do Nadal, o médico que menos pacientes atendeu, quer por teléfono quer de forma presencial, realizou 53 consultas nunha única quenda; o que máis, 76.

Os recortes "abren paso" á sanidade privada

Os Orzamentos de 2022, aprobados a pasada semana no Parlamento co único voto favorábel do PP, estiman un incremento xeral para Sanidade de 9,4 millóns de euros en comparanza co exercicio precedente. Mais a suba experiméntaa, nomeadamente, o servizo hospitalario, ao tempo que a partida destinada á Atención Primaria, en constante crecemento desde 2015, sofre unha regresión de 2,2 millóns.

Cómpre lembrar que desde os sindicatos e as plataformas de pacientes e profesionais vense exixindo desde 2019 un incremento de 200 millóns de euros, malia que coas cifras finalmente consolidadas o investimento na Primaria siga por baixo das últimas contas presentadas polo Goberno de coalición en 2009 —1.389,09 millóns de euros en 2022 fronte aos 1.436,8 que se destinaran naquela altura—.

"A Xunta ten este ano un orzamento de máis de 11.000 millóns de euros, e desde 2010 sumou máis de 110.000 millóns. Se a industria vai mal, a pesca tamén, a agricultura, a sanidade, a educación... Onde van os cartos?", cuestiona Dios Diz, para quen 200 millóns, dentro dunhas contas tan elevadas, "é unha cifra asumíbel" para arranxar un problema "que a Administración debe resolver, malia que non o está a facer".

O investimento na Primaria segue por baixo da contía destinada en 2009

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, gabábase recentemente na Cámara de ter incrementado o número de especialistas na Primaria nos últimos tempos. Porén, se ben é certo que hoxe —segundo datos do Instituto Galego de Estatística (IGE) hai na Galiza 69 médicos máis que unha década atrás, a Primaria no seu conxunto segue sen recuperar os valores previos a 2010: 101 profesionais menos entre todas as categorías laborais, das que cómpre salientar a perda de 154 celadores e celadoras, 49 auxiliares de enfermaría, 20 pediatras e seis matronas.

Jesús Sueiro, médico de familia do centro de saúde Concepción Arenal de Compostela e vogal de prensa da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria (Agamfec), afirma que "nunca" na súa dilatada traxectoria atopara unha situación como a actual, con arredor de 65 consultas en cada quenda de traballo. "Cando a presión aumenta sobre os hospitais e as UCI aumentan as camas, contratan máis persoal... Mais na Primaria apandamos con todo. Sempre falan de que se 'podería' ou 'debería' reforzar esta especialidade, mais desde o inicio da pandemia non tivemos reforzos", lamenta.

Neste senso, cre que os labores de seguimento e rastrexo dos casos activos da Covid-19 poderían facelos outras e outros profesionais non sanitarios, a fin de quitarlles de enriba unha pesada lousa que lastra o seu traballo diario: "Durante a pandemia medrou moito a mortalidade de patoloxías alleas ao coronavirus. Os médicos non podemos duplicarnos, e moitas veces as persoas doentes dinme que non conseguen contactar comigo", expón.

Para Dios, os recortes no sistema público abren a porta a que o privado "siga a ser o gran beneficiado deste deterioro". "Desde 2010 tiveches tempo abondo de ver que a Primaria vai mal, a non ser que ideoloxicamente decidas de forma premeditada que queres tirar pola vía privada", di.

"Somos o primeiro muro de contención da pandemia, e xa o eramos antes co resto de enfermidades. Hoxe estamos desbordadas en medicina, mais tamén en enfermaría, en admisión... Hai anos que nos vimos manifestando nas rúas para denunciar que na Primaria non temos taxa de reposición de médicos, xa que nos próximos anos xubilarémonos 78% do persoal", incide a doutora Mato.

De feito, García Comesaña recoñeceu no Parlamento que catro de cada dez médicos formados na Primaria deciden abandonar esta especialidade. "Sanidade ten agora ocorrencias como que o persoal da privada traballe tamén na pública, e viceversa, ou que unha mesma persoa traballe na Primaria e faga gardas. É moi sinxelo, teñen nas súas mans desde novembro de 2020 as conclusións do Consello Técnico de Atención Primaria, e aí explicamos detalladamente cantos cartos precisamos investir e como facelo, como atraer máis médicos...", retruca Xosé María Dios.

A alta demanda sobrepasa o escaso persoal para as PCR

A Consellaría de Sanidade habilitou na última semana 24 espazos para a realización de probas PCR, sen necesidade de cita previa e de balde, nas principais vilas e cidades do país. A pasada semana realizáronse unha media de 10.000 test diarios, as cifras máis elevadas da pandemia que deixan tamén unha elevada taxa de positividade, que rolda 14%. As persoas que acudiron aos diferentes puntos veñen denunciando as longas colas que se producen día tras día.

En Vigo, unha muller explica a Nós Diario que na quinta feira, 23 de decembro, agardou "máis de seis horas e media" a ser atendida. "Non podo comprender como teñen un só equipo para analizar as PCR dos centos de persoas que van cada día", sostén. Tamén en Pontevedra: "A Compostela non fun porque a cola era demasiado longa e non ían ter tempo de atenderme, mais fun a Pontevedra e tiven que agardar cinco horas", relata outra afectada. Sanidade, polo de agora, non prevé dotar estes puntos de máis persoal.

Nos puntos de cribado estanse a rexistrar colas quilométricas e até sete horas de agarda

Aliás, a Xunta ofrece de balde un test de antíxenos a cada cativo e cativa de entre 5 e 11 anos, o colectivo que agora se está a vacinar. O 17 de decembro chegou unha partida inicial de 60.000 —están previstos arredor de 150.000—, e a falta de que "ao longo desta semana" cheguen novas probas, na meirande parte das farmacias comezan escasear, xa que cada botica só recibiu vinte unidades.

"Aínda temos stock, mais tivemos que limitar os envíos ás farmacias. Aliás, depende de onde estean situadas, xa que o número de cativos varía moito en función de cada vila, cidade ou parroquia", explica Héctor Castro, presidente do Colexio de Farmacéuticos da Coruña. Tamén se ofrecen nas farmacias, mais non de forma gratuíta, PCR por saliva para persoas de 12 a 64 anos e test de antíxenos para a poboación adulta.

Porén, as fontes consultadas coinciden en que a demanda dos tests de detección da Covid-19 é moito máis elevada que a capacidade do sistema público para o seu abastecemento.