Os sindicatos protestan polos recortes orzamentarios en Primaria

Os servizos de Atención Primaria, na UCI

As organizacións sindicais integrantes da mesa da sanidade concentráronse nesta segunda feira diante do Parlamento da Galiza para protestar contra a partida destinada ao servizo de Atención Primaria nos orzamentos da Xunta para 2022.

1
photo_camera Concentración das organizacións sindicais integrantes da mesa da sanidade diante do Parlamento da Galiza. (Foto: Nós Diario)

A mobilización, convocada polas Comisións Obreiras (CCOO), a Confederación Intersindical Galega (CIG), a Confederación Sindical Interdependentes de Funcionarios (CSIF), o Sindicato de Enfermaría (Satse) e a Unión Xeral de Traballadores (UXT), demandaba ampliar as dotacións orzamentarias co obxectivo de mellorar a calidade da prestación e incrementar as retribucións salariais das persoas traballadoras.

As partidas dedicadas polo Goberno galego á Atención Primaria para 2022 minguan en relación co exercicio anterior. Así, o diñeiro achegado para a vindeira anualidade sitúase en 1.389 millóns de euros fronte a 1.391 millón de euros de 2021, unhas cifras por baixo do último orzamento do Goberno bipartito, que en 2009 destinaba para este servizo 1.436 millóns de euros, que coa suba do Índice de Prezos do Consumo (IPC) equivalen a 1.619 millóns de euros de hoxe.

A Estatística do Gasto Sanitario elaborada en 2020 polo Ministerio de Sanidade en base á liquidación orzamentaria de 2018 sinalaba que a Galiza destinaba á Atención Primaria 182,3 euros por habitante, a contía máis baixa do Estado tras Madrid e as Illes Balears, ficando moi lonxe de territorios como Estremadura ou Castela-A Mancha, que dedican a este servizo 79,4 e 73,3 euros por habitante máis que a Galiza.

A secretaria da CIG-Saúde, María Xosé Abuín, sinala a Nós Diario que “os orzamentos de 2022 inciden no deterioro do sistema sanitario público e no desmantelamento da Atención Primaria”.

A este respecto, denuncia que “os profesionais do Servizo Galego de Saúde (Sergas) son dos peores retribuídos do Estado, unha vez que Feixoo conxelou o acordo asinado entre os sindicatos e o Goberno bipartito que fixaba un progresivo incremento dos seus salarios a partir de 2010 para homologar os sanitarios galegos cos do resto do Estado e con outras categorías profesionais dentro da administración”.

A política de dotacións

“Con estas condicións é imposíbel fidelizar os profesionais e que fiquen na Galiza”, apunta Abuín, quen critica que “non teñamos orzamentos para axeitar as retribucións das matronas por unha cuestión ideolóxica”. A dirixente da CIG cuestiona “a política de novas dotacións da Xunta” e sinala que “Feixoo quere construír casiñas porque un centro de saúde é moito máis que unha vivenda, require profesionais e servizos e iso estase constantemente recortando”.

O responsábel de sanidade de CCOO, Javier González, denuncia en declaracións a Nós Diario que “o discurso da Xunta da Galiza non se reflicte no orzamento”.

“Ao tempo que sinalan que a súa gran preocupación é a Atención Primaria, recortan o investimento en relación co ano pasado e iso repercute nunha perda da calidade asistencial”, advirte González, quen alerta do “envellecemento dos cadros de persoal, algo que xa se sabía desde hai case unha década e non se fixo nada, ou as actuais listas de agarda en Primaria, un fenómeno novidoso”.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios