Está o emérito en Sanxenxo?

Juan Carlos I e parte da súa familia, nunha foto tirada nos Emiratos Árabes Unidos. (Foto: Europa Press)
O 3 de agosto de 2020, o rei emérito Juan Carlos I marchou do Estado español con destino Emiratos Árabes Unidos, acurralado polos numerosos escándalos xudiciais que o perseguían. Agora, coa maioría destes escándalos sobresidos pola súa inviolabilidade ou pola prescrición temporal, a súa volta está máis próxima que nunca. Ou quizais xa estea aquí?

A figura de Juan Carlos I segue a dar moito que falar oito anos despois da súa abdicación. Se ben nas últimas semanas o seu nome apareceu nos medios pola decisión da xustiza británica de negarlle a inviolabilidade por un presunto delito de acoso e difamación a Corinna Larsen, o monarca tamén está vencellado a múltiples especulacións e teorías da conspiración.

Unha das últimas en coller forza nas redes sociais é a de que o rei emérito non se atopa en Emiratos Árabes Unidos, onde se mudou hai case dous anos, senón que está xa de volta no Estado español e, concretamente, na vila de Sanxenxo. Segundo algunhas persoas usuarias de Twitter, nas últimas semanas están a darse unha serie de circunstancias que poderían apuntar á presenza do monarca no concello.

Unha usuaria en específico, chamada Alicia Muñiz (@voncaramel), recompilou nun fío de Twitter todas estas circunstancias. Segundo esta persoa, cando Juan Carlos visita Sanxenxo, onde posúe unha das súas moitas residencias de verán, cúmprense catro factores. En primeiro lugar "póñense a arranxar cousas sen que haxa eleccións", e "aumenta a seguridade de maneira expoñencial e desproporcionada".

Por outra parte, asegura que nas visitas do rei emérito á Galiza, os corpos e forzas de seguridade do Estado requiren o Documento de Identidade (DI) a todas as persoas nas proximidades de onde estea nese momento Juan Carlos I. Por último, o cuarto factor é que supostamente os servizos de intelixencia instalan inhibidores de frecuencia para evitar a posibilidade de que alguén comparta unha foto do monarca ou dos seus achegados en redes sociais.

Cúmprense os catro factores

Segundo esta usuaria de Twitter, os catro factores "cumpríanse xa antes da Semana Santa". No seu fío, lembra que hai un par de meses, un equipo de reparacións levou a cabo unhas reformas na propiedade que Juan Carlos I posúe en Sanxenxo.

Tamén fai referencia á polémica foto que parte da familia real tirou con Juan Carlos I en Emiratos Árabes Unidos con motivo de celebración da Semana Santa. Na imaxe, na que ademais do rei emérito aparecen as súas dúas fillas e cinco dos seus netos, chamaba a atención que un deles, Pablo Urdangarín, semellaba non ter pernas.

Casa Real aclarou no día de onte que a foto fora recortada para preservar a intimidade do monarca, evitando así que se coñecese a súa ubicación real. Algo que para a usuaria de Twitter tamén pode ser "para que non se vexa que está no Estado español".

No seu fío, tamén adxunta mensaxes privadas doutras persoas que aseguran que, nas últimas semanas, sufriron fallos de conexión a internet, mesmo nos seus fogares, e foron  conscientes dun maior despregamento policial en varias zonas de Sanxenxo.

Situación de normalidade

Preguntada por estes episodios de perda de conexión de internet de maior presenza policial, a portavoz do Bloque Nacionalista Galego (BNG) en Sanxenxo, Sandra Fernández, sinalou a Nós Diario que na formación non son conscientes de que a situación non fose de normalidade para esta época do ano.

No que se refire aos problemas de conexión, Fernández explicou que no concello sempre houbo problemas deste tipo, pero que nos últimos meses estaban comezando a arranxarse, e que mesmo a empresa contratada estaba a traballar para mellorar a calidade da conexión. "Cando os traballos da compañía provocan algún corte de conexión temporal, o Concello adoita avisar con tempo".

Por outra parte, recoñece non decatarse de que a presenza policial sexa maior que outros anos. "Sempre hai controis en Semana Santa e no verán", afirma a portavoz. "Quen si estivo esta Semana Santa foi o antigo presidente do Goberno español, Mariano Raxoi, acompañado da súa escolta", matizou.