Rebeca Quintáns: "Juan Carlos I percorreu practicamente todo o Código Penal"

Hai máis de vinte anos Rebeca Quintáns (Arzúa, 1964) publicou Un rei golpe a golpe, a primeira biografía non autorizada de Juan Carlos I. A autora afondará este sábado, 27 de novembro, nos escándalos de corrupción da Casa Real e na súa conivencia co franquismo nas III Xornadas contra a Impunidade que organiza a Deputación de Pontevedra. 
A xornalista Rebeca Quintáns está hoxe nas III Xornadas de Memoria da Deputación de Pontevedra.
photo_camera A xornalista Rebeca Quintáns está hoxe nas III Xornadas de Memoria da Deputación de Pontevedra (Foto: Nós Diario)

—Como é a situación en que se atopa a monarquía logo dos escándalos económicos e persoais que rodean Juan Carlos I?
Están no peor momento da súa historia. Non hai deus que salve a monarquía española. A cantidade de escándalos, que ademais non vai cesar de crecer, ten que acabar necesariamente coa monarquía. Non está escrito de que maneira, iso dependerá de todos nós, mais dou por seguro que estamos a vivir os últimos días da monarquía española.

—No seu libro Juan Carlos I. Biografía sen silencios, sinala que antes dos escándalos económicos do rei emérito coas comisións na construción do AVE á Meca ou en relación co lavado de cartos con Corinna Larsen, moitos empresarios xa lle entregaban suculentas cantidades económicas cando Franco aínda estaba vivo. 
Na palestra deste sábado nas Xornadas de Memoria en Pontevedra falarei de que a maioría de prácticas de corrupción de Juan Carlos I comezaron xa no franquismo, como no caso das intermediacións con comisións ilegais de por medio.

No franquismo, Juan Carlos tamén comezou a relacionarse con banqueiros como Emilio Botín, que o axudaron a saber mover os cartos que ía gañando e en que contas os podía pór. O Santander é un banco que ten un montón de filiais en paraísos fiscais e Juan Carlos foi aprendendo a moverse niso. Botín foi un dos seus grandes asesores, logo continuaron outros. O máis importante de todos, antes de Corinna, foi Manuel Prado [o seu administrador privado durante máis de 20 anos]. Moitos dos seus amigos acabaron na cadea, onde nunca puidemos enviar Juan Carlos. 

—Sostén que de mozo, cando estaba en Estoril, Portugal, xa recibía cartos.
Si, da alta burguesía e da aristocracia española. Á parte, Franco, despois da Guerra Civil pasaba á Familia Real un soldo dunhas 250.000 pesetas anuais da época, recibían doazóns do réxime para vivir como reis, con palacios, moita servidume e coches de luxo. 

—No seu libro afirma que o réxime se apoiou nel para perpetuarse. C0mo se concretou iso?
Era a peza que daba estabilidade aos que xa tiñan o poder. Eles non tiñan relevo e Juan Carlos estaba educado no réxime, por Franco, e tiñan confianza nel. 

E ademais interesáballes intervir nos primeiros anos da transición na planificación das reformas que se ían facer e Juan Carlos dáballes garantías de que todo ía seguir igual, que non ían perder poder nin se ía ir contra eles polas cousas que acometeron no franquismo. Era garantía de que non ía haber unha revolución económica que lles fixese perder os privilexios que tiñan. O rei daba garantías de estabilidade aos franquistas de que as reformas non os ían prexudicar. 

—A imaxe do emérito está deteriorada cos escándalos de corrupción, mais non tanto a súa imaxe como político de Estado en relación á transición. Vostede, en cambio, desmonta o mito nos seus libros.
Os "presuntos" delitos que nunca se puideron investigar van alén dos delitos económicos. O seu papel no 23-F podería ser cualificado como un delito de alta traizón de confirmarse o que sinalan múltiples investigacións. 

Na palestra deste sábado farei un repaso de como Juan Carlos percorreu practicamente todo o Código Penal e sinalarei até oito delitos diferentes que deberían ser investigados.

Un deles, é o delito de malversación de caudais públicos empregando diñeiro público a través dos fondos reservados ou dos orzamentos de Patrimonio Nacional para ou ben pagar unha chantaxe que lle fixo unha amante ou ben para pagar a outra amante unha vivenda de luxo cerca de Zarzuela. Iso é roubar. E fíxoo, até o punto que sabemos, porque ten autoridade de ser o Xefe do Estado para facelo e coa garantía de que non vai ser investigado. 

É escandaloso como está formulada a monarquía española. Nas outras monarquías europeas non hai esta pamplina. 

—Cre que o rei emérito regresará ao Estado español?
Parece que si, que ten moitas ganas. Pareceríame moi ben que non volvese. Pero se o fai, pois máis leña ao lume. Están moi equivocados se pensan que vai poder volver dunha maneira discreta e que a xente que se cruce con el en Sanxenxo ou onde sexa non lle vai facer unha mostra de desafecto. 

—En que se diferenza Felipe VI de seu pai?
Felipe é máis novo e está moi pouco investigado polos xornalistas críticos. É cuestión de tempo. Hai diferenzas de estilo, non é  campechano [ri]. Mais o que importa é que ten unhas condicións xurídicas, sociais e políticas idénticas ás que tivo seu pai e se lle dese a gana, faría exactamente o mesmo que el. 

As poucas cousas que nos van chegando apuntan a iso. A prensa estranxeira xa está publicando sobre a fortuna de Felipe VI, moi difícil de explicar... 

Foi el quen fixo que seu pai marchase a Abu Dhabi, pensando en si mesmo, para afastalo e que non lle salpicasen os seus escándalos. É unha conduta moi típica de Juan Carlos, sempre afastou a quen lle deixaba de convir, fíxoo con membros da Familia Real, incluído o seu propio pai.

Quintáns tivo que empregarun pseudónimo por seguridade

Patricia Sverlo foi o pseudónimo baixo o que Rebeca Quintáns publicou no ano 2000 Un rei golpe a golpe. A obra saíu á luz da man da editorial e revista vasca Ardi Beltza e co impulso do seu director, o xornalista vasco-galego Pepe Rei, finado en marzo deste ano. Ardi Beltza foi fechada un ano despois polo xuíz Baltasar Garzón con acusacións que logo foron revocadas.

En 2016, e xa sen pseudónimo,  Quintáns publicou Juan Carlos I. Biografía sen silencios. Confesa a Nós Diario a "dificultade inmensa" que tivo para distribuír esta nova obra. De facto, sinala o silenciamento ao que a propia autora e mais o libro son sometidos nos medios, córtase a xornalistas na televisión cando se refiren á obra e resulta difícil que se publiquen reseñas en medios. 

Comentarios