O Goberno estatal di que o retorno de Juan Carlos I é "unha decisión privada"

Con todo, a portavoz do Executivo, Isabel Rodríguez, que non fecha a porta ao rei emérito, di que esa decisión "debería explicarse".
O rei emérito, Juan Carlos I, fotografado o pasado outubro (Foto: Legan P. Mace / ZUMA PRESS).
photo_camera O rei emérito, Juan Carlos I, fotografado o pasado outubro (Foto: Legan P. Mace / ZUMA PRESS).

A portavoz do Goberno estatal, Isabel Rodríguez, trasladou esta quinta feira que o posíbel regreso ao Estado español do rey emérito, Juan Carlos I, é unha "decisión privada" que corresponde tanto ao antigo monarca como ao actual rei, Felipe VI, se ben insistiu en que "cumpriría dar explicacións".

Rodríguez fixo este anuncio nunha entrevista en TVE, logo de que a Fiscalía arquivase todas as investigacións sobre as súas actividades presuntamente ilícitas.

A portavoz sinalou que son feitos que ao Executivo non lle gustan, "como non lle gustan á maioría dos españois", e insistiu en que requirirían dunha explicación de Juan Carlos I, tal como xa apuntara no seu día o presidente do Goberno do Estado, Pedro Sánchez.

"Hai que respectar a decisión da Fiscalía, que traballou con autonomía e concluíu as súas investigacións, e agora queda a decisión do rei emérito e da actual Casa Real", dixo, a respecto do seu retorno, ou non, a España.

Nesta mesma liña subliñou que é a Casa Real a que debe posicionarse sobre esta decisión, xa que o Goberno non o fará porque "queda no ámbito privado dos monarcas".

Ademais, apuntou que as relacións do Executivo son con Felipe VI, con quen mantén unha "magnífica relación". Rodríguez tamén valorou o "esforzo" que realizou o actual monarca nos últimos anos por "implementar exemplaridade e transparencia na Casa Real".

Cómpre lembrar que Javier Sánchez-Junco, avogado de Juan Carlos I, apuntou esta cuarta feira sobre esta cuestión que a partir da vindeira semana transmitirán "as decisións que poida tomar" o seu representado, que leva arredor dun ano e medio fuxido nos Emiratos Árabes Unidos.

Comentarios