A xustiza británica rexeita as alegacións de Juan Carlos I sobre a súa inmunidade e será xulgado por acoso a Corinna Larsen

O letrado da demandante afirmou nun comunicado estar "un paso máis cerca dunha vista dos feitos en cuestión".
Juan Carlos I de Borbón en Sanxenxo a finais de 2019 (Foto: Europa Press)
photo_camera Juan Carlos I de Borbón en Sanxenxo a finais de 2019 (Foto: Europa Press)

O xuíz do Tribunal Superior de Xustiza do Reino Unido Matthew Nickin rexeitou novamente nesta terza feira as alegacións presentadas polos avogados de Juan Carlos I en relación ao fallo da xustiza británica na que se nega a inmunidade do rei emérito, e insiste en que será xulgado por un presunto delito de acoso a Corinna Larsen.

No seu auto, Nicklin sinala que "ningún dos fundamentos para defender a existencia de inmunidade de Estado logrou demostrarse, e polo tanto, a demanda debe seguir adiante", xa que os presuntos feitos cometéronse con posterioridade a 2014, momento no que Juan Carlos I deixou de ser monarca do Estado español, e o maxistrado entende que xa non contaba coa inmunidade da Coroa.

Perante a decisión do xuíz británico, os letrados da defensa decidiron recorrela ante o Tribunal de Apelación, segundo apuntan fontes presentes na audiencia que recorreu esta mañá a Europa Press.

Pola súa parte, o avogado da demandante, Robin Rathmell, rexeitou os intentos do rei emérito de non ser xulgado polos presuntos delitos cometidos, e afirmou nun comunicado que a súa defendida e el están "un paso máis cerca dunha vista dos feitos en cuestión".

Acusado de vixilancia e ameazas

Os letrados de Larsen presentaron unha demanda en 2021 contra o rei emérito por un presunto delito de "vixilancia ilegal" e ameazas por parte dos servizos de intelixencia españois (CNI).

Segundo a versión da alemá, as ameazas comezaron en 2012, despois de finalizar a relación sentimental que os unía e do incidente de Juan Carlos I en Botsuana. A partir dese momento, Larsen denunciou ter sufrido as ameazas do monarca, quen chegou a empregar o CNI para espiala, tanto en Abu Dhabi, onde residía, como en Reino Unido.

Nas súas declaracións afirmou que o rei emérito, despois de que ela se negara a devolverlle unha comisión de 65 millóns de euros procedentes de Arabia Saudí, comezou a fomentar unha campaña de descrédito e difamación entre os seus clientes.

Incluso relatou que tanto ela como os seus familiares sufriron ameazas á integridade física, polo que ademais dunha indemnización, a demanda tamén recolle que se estabeleza unha orde de arredamento de 150 metros de distancia.

Comentarios