“Eu non quero ser unha nena Iberdrola”. Con esa frase tan curiosa pronunciada por unha alumna o profesorado do CEIP Virxe da Cela do Xestal, en Monfero, deuse conta de que a mobilización cidadá polo parque eólico Pena do Corvo estaba a chegar ás crianzas.
De feito, o persoal non coñecía o plan que ameaza o municipio nin a protesta da plataforma Monfero di non, pero esa preocupación da estudante e o temor doutro neno, que confesou á mestra que a eléctrica lle “ía quedar coa casa”, animaron a dúas docentes a investigar máis sobre o proxecto do polígono de aeroxeradores.
Á vista de que a iniciativa industrial da multinacional afecta a tres das parroquias con máis poboación de Monfero -Vilachá, San Fiz e Queixeiro- e un total de “35 núcleos habitados”, as profesoras pediron permiso á dirección para sumarse á protesta social.
De feito, confesan que foi a “concienciación do alumnado” a que as animou a seguir adiante, mesmo chegando a programar modelos de alegacións para que as crianzas leven á casa e as súas familias teñan información das implicacións do parque.
Aliás, as e os estudantes xa claman por un futuro sen eólicos na zona, como demostran as palabras que trasladaron ao profesorado, así como a preparación de cartaces para realizar “unha concentración simbólica diante do centro”.
Unha carta a Yolanda Díaz e críticas ao Concello
O acto, previsto para o día 22 de xuño, aproveitarase para recoller sinaturas en contra deste plan industrial. “O tema das enerxías renovábeis traballouse nas aulas e son moi conscientes do que significa este proxecto”, destacou a profesora Carmen Espiñeira. De feito, as e os alumnos tamén escriben unha carta que farán chegar á ministra de Traballo, Yolanda Díaz.
Neste contexto de aumento da preocupación no municipio, algunhas veciñas que forman parte da plataforma Monfero di non denunciaron a Nós Diario a suposta “falta de implicación do Concello coa presentación de alegacións e a loita contra o proxecto”.
“O prazo para as alegacións caduca en quince días e o tempo aprema, temos que pasar das palabras aos feitos”, instaron ao rexedor, co que xa falara este diario.
A culpa do 'boom' é do Estado español
Dáse a circunstancia de que hoxe mesmo o conselleiro de Economía e vicepresidente segundo da Xunta da Galiza, Francisco Conde, responsabilizou o Goberno do Estado español de alentar un “efecto chamada no sector eólico” ao aprobar o decreto 23/2020 en xullo do ano pasado, porque nel se aprobar medidas “en materia de enerxía e reactivación económica”.