As residencias da Galiza computan 280 maiores e 134 profesionais contaxiados de coronavirus. O informe deste domingo, 10 de xaneiro, recolle 49 novos contaxios detectados nas últimas horas entre as persoas maiores en centros xeriátricos, o que supón practicamente o dobre do total de casos activos que se notificaron no Día de Reis, o pasado seis de xaneiro (foron 142 os positivos comunicados daquela).
Os 49 novos contaxios notificados este domingo entre as persoas maiores corresponden a 10 usuarias e usuarios da residencia DomusVi de Vimiazo, 2 do centro San Bartolomeu de Xove, 25 da residencia Fogar Santa María, en Verín; e 12 usuarios na residencia Paz y Bien de Tui.
En total, son 280 os maiores contaxiados en residencias. A que ten máis casos é a DomusVi de Vimianzo (82), seguida de Paz y Bien de Tui (52) e a Residencia da Pastoriza (36). Na Residencia de Ribeira son 19 as e os usuarios contaxiados, 6 na de Santa Teresa de Jornet (A Coruña), 14 están na Residencia Hospital Asilo San Sebastián e San Lázaro, 25 na San Bartolomeu de Xove e tamén 25 na Residencia Fogar Santa María (Verín), mentres que 11 están na Modelo de Vigo, 4 na Saleta de San Cristovo de Cea, e unha nos apartamentos Tutelados San Bartolomeu de Xove, mesma cifra que na residencia de Maiores de Burela e na de Vila do Conde, en Gondomar; mentres que 4 están no CRAPD Vigo.
134 casos no persoal
Entre o persoal traballador das residencias hai detectados 134 casos activos en total, 130 en centros de maiores e 4 nos de dependencia. Incluíronse este domingo 20 novos contaxios.
Os centros máis afectados son a Residencia Domusvi de Vimianzo, con 24 casos entre o persoal, a San Bartolomeu de Xove, con 12; a Paz y Bien de Tui, con 13; e a da Pastoriza, con 10.
En xeral, os casos na Galiza seguen sendo alarmantes. Este domingo notificábanse 718 novos contaxios por coronavirus rexistrados nas últimas horas (661 confirmados a través de PCR), após baterse onte, 9 de xaneiro, o récord desde o inicio da pandemia, con 914 positivos (798 detectados por PCR).