O catedrático de Análise Matemática da USC (Universidade de Santiago de Compostela), Xoán Xosé Nieto, e o profesor da Universidade de Vigo, Iván Area, desenvolven modelos matemáticos de predición desde o comezo da crise sanitaria da Covid-19.
A cifra de falecementos, así como a saturación dos hospitais e das salas de críticos, son algunhas das consecuencias da pandemia nas que centran os seus estudos.
Segundo as predicións extraídas até o momento, “non son evidentes as medidas a adoptar”, explican Nieto e Area.
Porén, asocian as actuacións no plano local a “unha melloría nun breve espazo de tempo”, se ben eles recomendarían a toma de “decisións globais ou en territorios moito máis amplos que o que se estivo a facer até agora".
Neste sentido os científicos decántanse por “un confinamento real en toda Europa durante 15 días, e posteriores corentenas estritas para persoas que entren no territorio europeo”.
O traballo desenvolvido consta de dúas partes diferenciadas, por unha banda, o deseño dun modelo matemático que permita predicir o avance da pandemia.
Por outra banda, unha vez obtidos datos mediante predición, os científicos céntranse en estimar cantas persoas afectadas poden necesitar asistencia nas unidades de coidados intensivos.