O custo do aluguer sobrepasa a capacidade de gasto de un de cada catro fogares
A vivenda figura como unha das principais preocupacións da cidadanía, segundo certifica o recente barómetro do Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) correspondente ao mes de decembro, por riba do desemprego ou da situación económica. Unha preocupación que foi tomando corpo nos últimos anos, a medida que a vivenda se ía aproximando máis a ser un ben de luxo que un dereito. Os últimos datos do Instituto galego de Estatística (IGE), correspondentes tanto á Enquisa Estrutural a Fogares –difundida a pasada sexta feira– como aos Indicadores de Acceso á Vivenda –coñecida onte–, apuntan a que o problema da vivenda non presenta trazas de mellora a curto prazo, tanto no que se refire ao aluguer como á compra.
A adquisición de vivenda na Galiza implica un importante desembolso económico. O esforzo financeiro —a porcentaxe de salario que se dedica a facer fronte á cota da hipoteca— foi neste terceiro trimestre de 2024 de 27,8%. É dicir, implicou case tres de cada 10 euros dos ingresos do fogar. No terceiro trimestre de 2020 esa porcentaxe era de 23,9%, catro puntos menos. E en 2022 situábase en 22,7%.
Os datos do IGE sinalan, ademais, que o esforzo financeiro a 20 anos –calculado con base nunha hipoteca media a 20 anos– supón destinar a tal fin 31,6% dos ingresos. Supérase así esa barreira de 30% que persoas expertas e analistas sitúan como o límite que non debería de pasar un fogar para afrontar o custo da vivenda. De feito, no terceiro trimestre deste ano facer fronte ao custo total dunha hipoteca implica o salario bruto íntegro de 6,7 anos. Dato que mellora lixeiramente a respecto do mesmo trimestre de 2023 (eran 7 anos) mais que empeora en comparación con ese mesmo período dos exercicios anteriores, 2022 (aquí supuña o soldo íntegro de 5,8 anos), 2021 (5,4 anos) e 2020 (5,8 anos).
Réxime de arrendamento
Mais é no aluguer —a opción que nestes anos avanzou notabelmente entre os galegos e galegas como opción para residir— onde esta problemática colle unha maior relevancia. Segundo o IGE, un de cada catro fogares que vive en arrendamento paga por este máis de 30% dos seus ingresos, a porcentaxe que marca a capacidade de gasto máxima que debería facerse en vivenda. Por riba deste limiar considérase "tensionada" a economía familiar. E son, en concreto, 23% dos fogares que viven de aluguer os que teñen que pagar máis que esa porcentaxe: 40.562 dun total de 178.185 no conxunto do país.
Destes, ademais, hai case 10.500 que dedican a facer fronte ao custo do aluguer máis de 50% dos seus ingresos; supoñen case 6% do total. Aliás, máis de 21.000 destinan a esta finalidade entre 30 e 40% dos ingresos que entran nese fogar.
A Enquisa a Fogares do IGE indica que entre 2020 e 2025 houbo un importante aumento do prezo medio do aluguer na Galiza: 344,9 euros mensuais hai catro anos e 413,8 euros ao feche do pasado exercicio; unha suba de 20%.
Os datos máis recentes, analizados polo Observatorio galego da Vivenda e correspondentes ao pasado mes de novembro, indican que no conxunto da Galiza o importe do aluguer alcanza, de media, os 550,3 euros.
Perspectiva europea
Entre 2014 e 2024 o incremento do prezo do arrendamento na Unión Europea (UE) foi de 17,6%, unha media que inclúe estremos como Hungría —o Estado onde máis subiu nesta década (+90,5%)— e Grecia —onde menos; +4,5%—. Son datos de Eurostat, a oficina estatística da UE, que analiza o aumento Estado por Estado neses dez anos. Desde ese primeiro ano de referencia, 2014, a suba do custo do aluguer na Galiza foi de 49%, segundo o Observatorio da Vivenda. Pasouse dunha media de aluguer mensual de 364 euros en 2014 a 550 euros en novembro.
De compararmos esta suba coa rexistrada nesta década polos Estados comunitarios, esa repunta de 49% no importe que hai que pagar por un aluguer na Galiza só é superado polo rexistrado en sete Estados da Unión Europea, coa xa a mencionada Hungría á cabeza e Malta (+51,2%) no sexto posto. Os outros 20 Estados tiveron un mellor comportamento que Galiza, entre eles o español, onde o incremento nos dez últimos anos é de 11,4%, ou mesmo Portugal, malia que esa suba foi maior que a española (+31,05%).
Déficit de vivendas
A Federación Galega de Empresas Inmobiliarias (Fegein), afirmou onte a través dun comunicado que nos atopamos "perante o maior déficit de vivendas xamais visto no rexistro histórico". "A vivenda en aluguer en 2025 seguirá incrementando o seu prezo tanto nas sete grandes cidades como nas súas áreas metropolitanas", advertiu o organismo.
Os custos de construción, a alza de prezos tanto en vivendas novas como usadas reformadas, a escaseza e o encarecemento das materias primas, a rehabilitación de casas e pisos –nun territorio con máis de 506.000 vivendas deshabitadas– son, segundo esta Federación, os principais retos que o sector inmobiliario galego deberá afrontar de cara ao vindeiro ano.


