Críticas á TVG por dedicar 23 segundos á cobertura das protestas contra as políticas forestais do PP nas que participaron máis de 45.000 persoas
A corporación pública galega dedicou 23 segundos ás concentracións decorridas esta quinta feira na Galiza, fronte á ampla cobertura das mobilizacións a favor do PP en Madrid.
A cobertura que a Televisión da Galiza (TVG) realizou das recentes mobilizacións contra as políticas forestais da Xunta da Galiza xerou unha onda de críticas nas redes sociais e no ámbito xornalístico. Diversas voces denuncian que a canle pública reduciu a 23 segundos a información sobre as concentracións decorridas en diferentes localidades galegas e nas que participaron máis de 45.000 persoas, mentres dedicou case catro minutos e unha conexión en directo ás manifestacións en Madrid convocadas polo PP en contra de Pedro Sánchez o pasado 8 de xuño.
Segundo a análise das emisións do Telexornal, as protestas na Galiza foron presentadas de maneira breve e sen mención explícita ás consignas principais das persoas concentradas, que incluían peticións de dimisións no Goberno galego. O relato informativo limitouse a afirmar que "pediron cambios ás administracións públicas para evitar que se repitan [os lumes]", sen identificar responsábeis nin reproducir sons ambiente das mobilizacións.
Pola contra, a cobertura da mobilización en Madrid ocupou un espazo destacado: abriu o informativo, recibiu tratamento de "clamor cidadán" e incluíu planos próximos das pancartas e berros, ademais dunha conexión en directo e declaracións das persoas participantes. A diferenza no tratamento xerou críticas por parte de colectivos e usuarios de redes sociais, que consideran que a TVG "dilúe" as protestas críticas coa Xunta e amplifica aquelas que apoian as súas posicións.
Colectivos de traballadores dos medios públicos como Defende a Galega cualifican estas prácticas de "dobre raseiro informativo" e advirten de que contraveñen a función de servizo público da corporación. "Se a mobilización é contra a Xunta, minimízante, dilúente e agóchante nun recuncho[...]; se é a favor do PP, convértese na noticia principal”, apuntan desde a plataforma Defende a Galega, que leva anos denunciando inxerencias políticas nos informativos da TVG.
As concentracións na Galiza, convocadas por organizacións ambientais e sociais, reclamaban cambios estruturais na política forestal, maior investimento en prevención e responsabilidades políticas pola xestión da vaga de lumes. As imaxes emitidas pola TVG non incluíron primeiros planos de pancartas nin berros como "dimisión", segundo denuncian asistentes.

