Ao igual que as residencias de maiores, os centros de ensino da comunidade son un dos puntos nos que están postas as miradas das e dos especialistas para seguir a evolución da pandemia. Día tras día a Xunta envía un parte de afeccións e os número seguen sendo elevados. Cun global de 1.235 casos activos, a área peor parada en canto a persoas infectadas neste ámbito é a viguesa.
Na demarcación educativa de Vigo hai, na actualidade, 342 persoas enfermas (sen contar á xente en corentena por contactos coas doentes) entre alumnado, cadro docente e o resto de persoal destas infraestruturas.
A situación implicou o feche de 53 aulas, se ben polo de agora non hai ningún colexio nin gardaría fechado. O peor gromo é o detectado no CPR Plurilingüe El Castro, con 13 positivos.
No entanto, a día de hoxe, este non é o maior surto detectado no ensino. Ese atópase no Centro de Educación Infantil e Primaria Fogar, situado no municipio de Carballo, onde se informa dun total de 39 individuos afectados polo coronavirus.
De feito, a segunda área educativa con peores estatísticas é a da Coruña. Fican fechados 19 espazos porque a doenza afecta a 270 crianzas, profesoras e o resto de persoal. As outras cinco áreas están en mellor situación e non hai ningún fechamento, pero as cifras seguen a ser elevadas.
A terceira zona máis prexudicada é Lugo con 186 enfermas e enfermos, malia que só supuxo a clausura temporal de sete clases. En Compostela, 112 casos implicaron deixar de usar 9 instalacións.
En Pontevedra, con 154 casos activos, hai catro aulas en desuso, mentres que en Ourense (95 positivos) e Ferrol (76) foi preciso fechar dúas aulas, respectivamente.