Segundo os datos publicados esta sexta feira pola Consellaría de Sanidade, con información recollida até as 18 horas da quinta, nas últimas horas rexistráronse 4.807 contaxios novos (1.079 menos que na xornada anterior) e todas as áreas sanitarias reduciron o ritmo de detección de novos casos. Na área sanitaria de Vigo rexistráronse 1.309 positivos; na da Coruña-Cee, 963; na de Compostela-O Barbanza, 919; na de Lugo-A Mariña-Monforte, 489; na área de Ourense-Verín-O Barco, 458; na de Pontevedra-O Salnés, 457, e na de Ferrol, 212.
A respecto do número total de persoas que actualmente teñen Covid no país, a cifra medrou na última xornada até os 62.141 casos activos (+425), e rexistráronse incrementos en todas as áreas, agás en Ourense, Pontevedra e Ferrol. Así, á cabeza segue a área sanitaria de Vigo con 16.299 casos activos (+248), seguida pola área da Coruña, con 13.452 (+28); Compostela, con 10.511 (+246); Pontevedra, con 6.504 (-72); Lugo, con 6.429 (+63); Ourense, con 6.028 (-75), e Ferrol, con 2.918 (-13).
Presión hospitalaria
Con respecto á presión hospitalaria, a Galiza pasou de 681 pacientes con Covid ingresados a 668, dos que 41 están nas unidades de coidados intensivos (-3) e 627 en camas convencionais (-10).
Por áreas, a da Coruña mantén o maior número de enfermos graves, con doce pacientes en coidados críticos, os mesmos que hai un día. Na área de Lugo hai sete pacientes en UCI (-1), na de Pontevedra hai seis pacientes (+1), nas de Compostela e Vigo baixou a cinco pacientes en coidados críticos cada unha (un menos en cada área), na área de Ourense hai tres pacientes na UCI (-1) e na área de Ferrol mantéñense tres pacientes en UCI.
Vítimas, altas e probas diagnósticas
Desde o inicio da pandemia 376.027 persoas superaron a Covid na Galiza, das que 4.376 recibiron a alta epidemiolóxica na última xornada. Pola contra, faleceron con este coronavirus 2.961 galegas e galegos. Os últimos decesos comunicados polo Sergas foron os de seis persoas, de entre 78 e 94 anos de idade, que finaron en hospitais das áreas sanitarias de Compostela, Lugo, Ourense, A Coruña e Pontevedra.
Por outra parte, até o de agora realizáronse no país case 3,6 millóns de probas PCR (6.643 nas últimas horas), máis de 1,4 millóns de test de antíxenos (case 6.800 na última xornada) e máis de 1,4 millóns doutros tipos de probas.
O Sergas sitúa a taxa de positividade das probas PCR (o número de probas que dan resultado positivo de cada 100 realizadas) en 19,5%, moi por riba do limiar de 5% que fixa a OMS como límite para dar a pandemia por controlada.