A Comisión Europea nomea a mina de litio de Doade como proxecto estratéxico
Beariz (comarca do Carballiño) é a localidade na que se encontra Mina Doade, o proxecto para a extracción de litio desenvolto no lugar homónimo por Recursos Minerales de Galicia (empresa propiedade de SA Minera Catalano Aragonesa, coñecida como Grupo Samca) que foi nomeado pola Comisión Europea como estratéxico.
Neste sentido, o Executivo da Unión Europea (UE) seleccionou esta terza feira unha listaxe de 47 proxectos estratéxicos para "impulsar as capacidades estatais no ámbito das materias primas" co obxectivo, sinalou, de "reforzar a cadea de valor das materias primas europeas e diversificar as fontes de subministración".
Esta decisión forma parte da implementación da Lei de Materias Primas Críticas (CRMA), cuxa finalidade é, segundo dixo Bruxelas, "garantir que a extracción, o procesamento e a reciclaxe europeos de materias primas estratéxicas satisfagan 10%, 40% e 25% da demanda da UE para 2030, respectivamente".
Concretamente, segundo a información dispoñíbel na web de Mina Doade –antes coñecida como Mina Alberta–, este proxecto contempla a escavación dunha mina subterránea e dunha planta de tratamento dos minerais do subsolo –entre eles o litio– dun monte do lugar de Doade, na parroquia de Xirazga, en Beariz.
As galerías subterráneas desta explotación de litio alcanzarían, segundo a empresa, os 300 metros de profundidade. Ademais, a superficie ocupada polo proxecto, entre a mina e as instalacións industriais, alcanzaría un terreo total de 13,62 hectáreas. A rocha obxectivo é a pegmatita, rica en minerais de litio, da que se obterían ademais concentrados de moscovita e concentrados de feldespatos para cerámica.
A empresa prevé extraer en Beariz 500.000 toneladas anuais de rocha durante 42 anos
Neste sentido, a firma prevé extraer 500.000 toneladas anuais de rocha durante 42 anos. Deste modo, o proxecto está deseñado para producir ao ano 93.000 toneladas de concentrado de minerais de litio, para o que extraerá rocha dura nunha mina subterránea, a cal se transformará por medios físicos –triturado, flotación– a pé de mina.
En xaneiro de 2025, Recursos Minerais de Galicia informou da presentación de solicitude para a concesión da explotación ante a Xunta da Galiza. Segundo explicaba por aquel entón, a documentación achegada á Consellaría de Economía e Industria será avaliada pola Administración galega nun prazo de 18 meses. Previamente, en agosto de 2024, Mina Doade xa presentara a súa candidatura para ser proxecto comunitario "estratéxico".
Dous proxectos a escasos quilómetros da fronteira
Entre os proxectos seleccionados hai outros dous que, non estando na Galiza, atópanse a escasos quilómetros do territorio galego e perseguen a extracción de litio, ambos en Trás-os-Montes, na parte lusa da Eurorrexión Galiza-Norte de Portugal. Trátase de Barroso Lithium Project, impulsado pola británica Savannah Resources na localidade de Boticas, e de Romano Mine, neste caso desenvolto pola lusa Lusorecursos Portugal Lithium no municipio de Montalegre.
Os dous proxectos en Trás-os-Montes xa saltaran previamente ao foco público, posto que as concesións de exploración nos municipios de Barroso e Montalegre estiveron no centro dunha investigación sobre corrupción que provocou redadas en oficinas parlamentarias en novembro 2023 e rematou derivando na dimisión do exprimeiro ministro portugués António Costa.
Explotacións en 13 estados
Alén de nos estados español e portugués, estes 47 proxectos "estratéxicos" nomeados pola Comisión Europea, aos que achegará un investimento que roldará 22.000 millóns de euros, atópanse en 11 máis: Bélxica, Francia, Italia, Alemaña, Estonia, a República Checa, Grecia, Suecia, Finlandia, Polonia e Romanía.
Estes atinxen un ou máis segmentos da cadea de valor das materias primas, con 25 proxectos que comprenden actividades de extracción, 24 de transformación, 10 de reciclaxe e dous de substitución de materias primas.
Os proxectos abranguen 14 das 17 materias primas críticas enumeradas na CRMA. Isto inclúe varios proxectos que involucran o litio (22 proxectos), o níquel (12), o grafito (11), o cobalto (10), o manganeso (7), o volframio (3) e o magnesio (1 proxecto).
O vicepresidente de Estratexia Industrial da Comisión Europea, Stéphane Sejourne, defendeu que "sen materias primas críticas non pode haber descarbonización", e sinalou que a produción doméstica é clave para que a UE diversifique as subministracións e evite pasar de depender dos hidrocarburos rusos ás materias primas chinesas.
"Para evitar que o litio chinés non sexa o gas ruso de mañá, a Unión Europea estabeleceu un marco lexislativo para evitar esa dependencia e agora debemos extraer máis e abrir máis minas en Europa", defendeu Sejourne, quen propuxo "consolidar a cadea de valor europea de materiais críticos" para conseguir os obxectivos fixados para 2030.
En todo caso, o comisario francés recoñeceu que hai "traballo político" por diante para garantir que a explotación mineira sexa "socialmente aceptábel", apuntando que a clase política ten que facer pedagoxía e profundar na narrativa do interese xeral estatal e comunitario. "Hai que facer un pouco de traballo político. Isto significa estar en contacto coas empresas, obviamente, e cos empregados, mais tamén coa xente", concluíu.
A contestación social ás minas galegas e lusas está organizada
A plataforma SOS Suído Seixo, Mina Alberta Non, reaccionou ante a decisión de Bruxelas de designar a mina de Doade como "proxecto estratéxico" e anunciou que recorrerá ante a Comisión Europea a decisión.
SOS Suído Seixo recorrerá ante Bruxelas a decisión
Esta selección eximirá a empresa, sinalou esta terza feira o colectivo, "de respectar certas normas medioambientais dando carta branca para contaminar masas de auga e danar os espazos naturais protexidos próximos".
Ademais, segundo denunciou esta plataforma, "forza unha tramitación exprés das autorizacións, que socava o procedemento de avaliación de impacto ambiental e o dereito de participación da cidadanía".
A plataforma criticou a "opacidade" en relación ao outorgamento á mina da condición de "estratéxica" por "non permitir" a participación pública e "impedir" o acceso á documentación presentada pola firma e aos informes encargados pola Comisión Europea. Neste sentido, tamén afeou que o Goberno galego non dea acceso ao expediente en curso na Galiza.
Por outra parte, Amigas da Terra, Ecoloxistas en Acción e SEO/BirdLife tamén amosaron o seu rexeitamento á designación como "proxecto estratéxico" da mina de Doade.
Reacción en Portugal
As reaccións tamén se sucederon en Portugal, onde foron declarados "estratéxicos" catro proxectos mineiros. "A exploración de materias primas baratas para a industria do automóbil en Alemaña e noutros países só traería desvantaxes para nós", sinalou a asociación Unidos em Defesa de Covas do Barroso, que rexeita a mina de litio do Barroso, en Boticas.
"Vivimos da actividade pecuaria sostíbel e dependemos da preservación dos ríos limpos e dos pastos verdes. Isto non é unha transición xusta, as minas en Portugal non cumpren as regras", acrecentou.