O colectivo Defende a Galega rexeita os recortes en información da CRTVG para o verán

A través das súas redes sociais pregúntase se os medios públicos galegos están "de rebaixas de verán ou de liquidación por peche?".
Persoal da CRTVG ás portas da compañía. (Foto: Defende a Galega)
photo_camera Persoal da CRTVG ás portas da compañía. (Foto: Defende a Galega)
A plataforma de traballadores da radio e a televisión públicas galegas, Defende a Galega, denuncia a través das redes sociais os recortes que se van a producir na información que ofrecerá a CRTVG á cidadanía durante os meses de verán.

A través dunha campaña en Twitter, que case volven facer viral polo seguimento de moitos traballadores e traballadoras, que mesmo engaden as súas propias reflexións, explican que no estío A Galega queda "sen informativos locais e sen zigzag".

Igualmente remarcan que non se vai achegar á audiencia datos "do agro" e tampouco do mar, como si é habitual no resto da tempada televisiva.

Outra das críticas que resumen é que se van facer "reposicións de novas de varios meses atrás" impedindo amosar a actualidade ao 100%.

"Rebaixas de verán ou liquidación por peche?", pregúntase o colectivo, que volve empregar o cancelo do #venresnegro pero que tamén utiliza ese sistema para dicir "non ao desmantelamento".

"Defendemos o noso. Defendemos unha Rtvg de calidade, verán, outono, inverno e primavera", pódese ler nun dos chíos que provocou esta denuncia. "Se non é un desmantelamento... que alguén mo explique", destaca outra usuaria ao respecto da campaña.

Críticas no Parlamento

As críticas de parte do cadro de persoal coinciden no tempo coa comparecencia do director xeral da Corporación Radio e Televisión da Galiza (CRTVG), Alfonso Sánchez Izquierdo, no Parlamento. Alí a oposición reprochoulle que "a dependencia económica absoluta da Xunta" estea a levar á "manipulación informativa".

Tamén afearon que haxa máis investimento en "produción propia allea". “Non usan o superávit para recuperar programas senlleiros como O Agro, nin para principiar a creación da canle Xabarín, nin para mellorar o uso do galego  nin para avanzar na independencia informativa", criticou a deputada do Bloque María Albert.

A socialista Noelia Otero demandou unha “aposta e compromiso que non pase pola externalización e privatización que imposibilitarían que o proxecto seguise vivo”.

Comentarios