A CIG convoca folga no ensino e avanza meses "de loita" contra "os recortes e a censura" da Xunta
"Rectificar, recuperar e recoñecer". A CIG-Ensino vén de retomar a campaña que, con este lema, deu a coñecer o pasado mes de xuño contra "a política de recortes, privatización, censura e propaganda" da Xunta da Galiza no ámbito educativo. A unha semana de que comece o novo curso escolar, o sindicato maioritario no ensino público galego non albisca "ningunha medida positiva" que reverta a situación "insostíbel" que atravesan os centros educativos.
"Temos un profesorado literalmente queimado, con ratios que en moitos casos supoñen atender arredor de 200 estudantes; unha diversidade cada vez maior nas aulas; unha burocracia abafante; o peor horario lectivo en secundaria, FP e ensinanzas de réxime especial de todo o Estado; unha privatización cada vez máis feroz centrada sobre todo na FP; unha Consellaría obsesionada coa imaxe e a publicidade, e tamén por controlar o labor pedagóxico", resumiu esta segunda feira a secretaria nacional da CIG ensino, Laura Arroxo.
Nunha comparecencia na que estivo acompañada por varios membros da executiva federal, Arroxo deulle un ultimato á Consellaría de Educación para sentarse a negociar unha "táboa reivindicativa básica" na que o sindicato nacionalista propón unha redución das ratios "con carácter inmediato" en todas as etapas, a recuperación do horario lectivo previo aos recortes, o incremento de persoal especialista para atender a diversidade, de profesorado xeral para realizar apoios, reforzos e desdobramentos en todas as ensinanzas que o precisen, a eliminación da burocracia "inútil" e o recoñecemento e "dignificación" da profesión docente tanto a nivel retributivo como administrativo.
Manifestación e folga
Neste sentido, a CIG-Ensino dálle ao departamento que dirixe Román Rodríguez o prazo dun mes para alcanzar "melloras reais" tanto para o profesorado como para o ensino público; do contrario, intensificará as mobilizacións. Laura Arroxo prevé un curso "moi conflitivo" de non se produciren avances nas demandas da comunidade educativa. De feito o sindicato xa anunciou as primeiras convocatorias para o mes de setembro: unha manifestación nacional o sábado 13 en Santiago de Compostela e unha xornada de folga xeral a quinta feira 25, día no que outra marcha percorrerá as rúas de Santiago até concluír diante da Consellaría de Educación.
O profesorado galego conta hoxe coas "perores condicións laborais no contexto educativo máis complexo das últimas décadas", destacou Arroxo, quen repasou tamén as consecuencias da "fraude" que supuxo o 'acordo de melloras' asinado coa minoría sindical. Para a secretaria nacional da CIG-Ensino, ese pacto "foi un intento de dividir o profesorado galego, con escasas medidas aprobadas para Infantil e Primaria, deixando fóra todas as demais ensinanzas e estratificando o profesorado por categorías á hora de aplicar unha suba salarial".
Así, Arroxo foi moi crítica cos "datos irreais" achegados polo Goberno da Xunta no que ten a ver co profesorado, cuxa "cifra conxelada nos últimos catro anos" se sitúa en 30.424 docentes, "inferior á que atopou Feixoo en 2009"; a inclusión educativa, "cuxos fondos europeos están a ser empregados para parchear necesidades estruturais dos centros"; os 256 feches de aulas 'evitados', que o Executivo "non aclara"; a cobertura de xubilacións nas oposicións decorridas este verán "cun 33% de prazas desertas", ou as retribucións salariais, "ridículas" e limitadas a quen tivese moita antiguidade ou ocupase postos de responsabilidade.
"Censura educativa"
"A etapa de Rueda á fronte da Xunta está sendo peor aínda que a protagonizada por Feixoo", concluíu Laura Arroxo, quen acusou o presidente galego de falta de vontade negociadora, de recortar sobre todo en atención á diversidade, dun uso fraudulento de fondos europeos e dun intento de control e "censura educativa". En concreto, a secretaria nacional da CIG-Ensino referiuse á introdución nas instrucións de desenvolvemento do curso 2025/2026 da orde de que a Programación Xeral Anual dos centros non poderá ser modificada agás previa autorización da Inspección e de que as actividades propostas respondan á "neutralidade ideolóxica".
"Á Consellaría moléstalle que nun centro educativo se fale de temas que forman parte dos currículos e que están de plena actualidade porque chocan coa ideoloxía do partido que goberna á Xunta".

