A CIG denuncia que a Xunta deixa sen persoal médico os seus centros de maiores durante os festivos de Semana Santa
A sección sindical e Política Social da Confederación Intersindical Galega (CIG) da Coruña denuncia nun comunicado emitido este sábado que a Xunta da Galiza deixa “sen persoal médico” os centros de maiores entre a quinta feira e o domingo
A CIG critica que o persoal de enfermaría das residencias “está baixo mínimos pola aplicación da redución das ratios”. Neste sentido, responsabiliza á conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, da situación de “tensión” nos centros.
O sindicato nacionalista alerta que “as residencias de maiores durante a Semana Santa son focos de tensión e sobrecarga de traballo para o persoal de atención directa”, como “enfermeiras”, auxiliares de enfermaría, persoal de cociña, ordenanzas e camareiras”.
A central sindical advirte que “a todas estas ‘desaparicións’ engadéselle o feche temporal dos Servizos de Inspección de Política Social que un ano mais practica o modelo de cero inspeccións durante os días festivos e os fins de semana”.
“A actual situación das residencias de maiores de Política Social coa súa psiquiatrización”, explica a CIG, “son unha fonte permanente de conflitos e alteración do normal día a día do resto de residentes asistidos ou validos pero que non teñen este tipo de problemas de saúde”.
A CIG critica que “as ratios de persoal da Xunta non están actualizadas e mesmo carecen de dirección, coordinación, xefes de departamento, terapeutas, psicólogos, médicos, animación sociocultural ou traballadores sociais que atenden estas necesidade durante os fins de semana ou os festivos”.
Persoas con doenzas psiquiátricas
“E así pasa”, explica o sindicato nacionalista, “que en semanas como a presente con dous festivos a presencia deste persoal especializado é nula, polo que o único recurso para pasar o tempo é mirar a televisión e que ordenanzas, auxiliares de enfermaría, camareiras-limpadoras e unha ou dúas enfermeiras, si quedan, por centro asuman desde a atención de familiares que visitan as residencias, aos singulares coidados que necesitan persoas menores de 65 anos con enfermidades psiquiátricas”.