Ourense superaría así un dos baremos (máis de 500 casos por 100.000 habitantes) establecidos polo Goberno estatal para adoptar medidas de restrición duras. Mais este non é o único parámetro a ter en conta para esas decisións.
Fontes da área sanitaria ourensá sinalaron a Europa Press que "a evolución continúa en ascenso" e os casos novos crecen na liña dos últimos días. Ademais, inciden en que a maior parte dos gromos rexistrados na última xornada "continúan sendo de carácter familiar".
En concreto, na tarde da segunda feira a área sanitaria informou de cinco surtos de orixe familiar no municipio de Ourense que afectan 13 mulleres, 11 homes e catro nenos con idades comprendidas entre os dous e os 80 anos.
Galiza
A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus na Galiza é de 4.119, deles 818 son da área da Coruña, 493 da de Lugo, 1.084 da de Ourense, 667 da de Pontevedra, 412 da área de Vigo, 527 da de Santiago, e 118 da de Ferrol.
Do total de pacientes positivos, 35 están en UCI, 199 en unidades de hospitalización e 3.885 no domicilio. Polo de agora, na Galiza hai un total de 20.344 persoas curadas, rexistrándose 765 falecementos.
A Consellaría de Sanidade prohibiu a pasada sexta feira as reunións en Ourense, tanto no ámbito privado como no público, para todas as persoas que non convivan no mesmo domicilio.
A Xunta explicou, tras reunirse co grupo de persoas expertas que a asesora respecto da evolución da pandemia, que malia as limitacións que pesaban sobre a área sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras seguían medrando. Ese ratio con 850 casos moi próximos e 82 ingresos (seis deles na UCI) fixo necesario adoptar unha decisión tan drástica como esta.
Ademais, aínda que os locais hostaleiros poden abrir, só poderán estar xuntas persoas que vivan baixo o mesmo teito. É a primeira vez que se adopta este tipo de medida.
O resto dos criterios que xa pesaban sobre distintos barrios e algúns municipios enteiros seguirán a ter validez: tales como a redución da capacidade nos negocios. A maiores haberá que ter en conta que a compañía só poderá ser aquela que resida xunta.