Un ano máis, centos de voluntarios e voluntarias participaron na limpeza dos ríos galegos que se desenvolve no marco da iniciativa ‘Móllate polos ríos’.
Na limpeza simultánea recóllense toneladas de refugallos moi variados, con especial presenza dos plásticos. “Botellas, garrafas, bolsas, sacos... Atopámonos con verteduras de rodas de automóbiles, cristais e latas; tamén pilas, restos de madeira, móbeis, ferralla, un valado de sinalización, entullos; retiráronse uralitas, roupa, calzado, etc.", lamentaron desde a organización en edicións anteriores.
As máscaras e as toalliñas húmidas tamén abundan na recollida de lixo. "É preciso reflexionar sobre o uso destes artigos, e aínda máis sobre o lugar que empregamos para desfacernos deles, xa que ao tiralos polo retrete rematan nos nosos ríos contaminando bacías e ribeiras", insisten todos os anos deste o colectivo.
Adega lembra que o voluntariado ambiental "non é man de obra barata que poida suplir o traballo da administración", senón que constitúe "unha masa de xente que axuda a concienciar á sociedade".
“O Proxecto Ríos é un programa de educación e voluntariado ambiental que basea o seu labor en tres piares fundamentais: a importancia da educación ambiental para dar a coñecer os ecosistemas acuáticos e promover comportamentos que redunden na súa conservación, a constancia do traballo co voluntariado ambiental, que se fai responsábel dun treito de río, e o fomento da participación cidadá como ferramenta fundamental que permita camiñar cara a unha sociedade máis sensibilizada e capacitada para emprender accións de protección e mellora destes ecosistemas”. Así explicaba o sentido do proxecto Ramsés Peres en Nós Diario co gallo do XV aniversario desta iniciativa.
“O voluntariado é a peza fundamental desta iniciativa. Sen o seu labor, o proxecto non tería acadado a actual repercusión e, grazas á súa participación, teñen aumentado e diversificado as propostas e accións desenvolvidas nos ecosistemas fluviais”.