O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, vinculou esta cuarta feira a presenza de candorcas na costa galega coa procura de alimentos, tras a identificación dos últimos exemplares este domingo na ría de Arousa. A certeza destas declaracións, realizadas tras a inauguración dunha exposición na Autoridade Portuaria da Coruña, confirmounas o biólogo da Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (Cemma), Alfredo López, a Nós Diario.
"As únicas candorcas que entraron nunha ría foron 'Gael' e 'Prior'", afirma este profesional, "por este motivo son falsas as informacións de que estiveron mesmo en Vigo, en realidade podían ser arroaces ou outras especies", engade.
A explicación para entender a conduta das candorcas e os lugares onde situalas, segundo López, atopámola en que estes animais "buscan tranquilidade e alimento, está claro que na ría de Arousa non atoparían esa calma". Porén, este membro do Cemma explica que a presenza de 'Gael' e 'Prior' estaría relacionada co avistamento de atúns nas rías, "algo que sucedeu, por exemplo, na de Muros".
Este biólogo do Cemma confirma máis avistamentos desde o domingo, por exemplo en Fisterra. "Cara o sur non hai, as candorcas buscan o norte e non temos constancia agora de que entrara outro grupo polo sur".
Unha aplicación "inútil"
Na súa comparecencia, o Conselleiro gabou a aplicación móbil que puxo en marcha a Xunta para que as embarcacións poidan comprobar "por onde se están movendo as candorcas e facilitar que poidan variar o rumbo". Para o Cemma esta ferramenta non ten valor.
“Eu agora mesmo estou na praia de Razo e coloco nesa aplicación que hai vinte candorcas e maneira automática sóbese esa información”, pon como exemplo, “por esta circunstancia aparecen en ocasións, como aconteceu, 65 candorcas no porto da Coruña”, confirma.
Neste sentido, o biólogo lembra que o Cemma presentou e puxo en funcionamento este mesmo ano a aplicación móbil denominada GT Orcas para rexistrar avistamentos, tanto de candorcas como de calquera outro cetáceo, dentro do seu proxecto ‘FriendSHIP: Orcas’, cuxa finalidade é contribuír á información e proxección social das candorcas e a súa problemática.
"A que empregamos nós ten información contrastada das embarcacións, non entran os avistamentos falsos como no da Xunta", indica López, "ademais un 90% dos que aparecen non son na Galiza, algo que non se entende como está pagado polo Goberno galego", critica.