Unha avaría detectada na infraestrutura ferroviaria da liña que une A Coruña e Santiago de Compostela está a provocar demoras de, como mínimo, 30 minutos nos trens que circulan entre as dúas cidades. Tal e como informan a Europa Press fontes de Renfe, trátase dunha deficiencia no sistema de sinais que afecta a estación de Cerceda-Meirama e que, segundo Adif, xa estaría solucionada.
Polo momento hai catro trens de Media Distancia afectados. A avaría non só provocou demoras nos convois que fan o traxecto da capital á cidade herculina e vicecersa, senón que os atrasos tamén alcanzan os trens que circulan até Vigo e Ourense.
Este novo incidente na infraestrutura de Renfe provoca unha vez máis que as persoas usuarias de Renfe se vexan afectadas polas demoras dos convois. O pasado 27 de outubro, Nós Diario recollía as denuncias de viaxeiros e viaxeiras na estación de Compostela con billete para ir á Coruña ás 19.40 horas, mais cuxo tren acabou chegando con máis de 40 minutos de demora, o que derivou no atraso dos convois posteriores.
“Cada día peor, Renfe. [...] Agora mesmo con billete para saír ás 19.40 sigo agardando na estación e anuncian saída para as 20.24”, denunciaba a deputada do BNG no Parlamento Mercedes Queixas na súa conta de Twitter.
Atrasos e colapso na aplicación
Alén do problema co acceso á viaxe en determinados días, tamén continúan as queixas polos atrasos das viaxes na chegada a destino, co que isto supón para as persoas que teñen que cumprir uns horarios de entrada ao traballo ou ás aulas das universidades.
Outra das situacións que máis se repite é a imposibilidade de entrar na aplicación que en moitas ocasións non permite o acceso. Unha da solucións, realizar a xestión a través das máquinas das estacións, resulta case imposíbel ao atoparse colapsadas, polo que denuncian que hai que realizar grandes fileiras diante da xanela de venda.
Ante esta situación, moitas usuarias e usuarios optan por buscar outro transporte público, e a segunda opción é o autobús. Fontes de Monbus indican que traballan para aumentar frecuencias aínda que tamén se están a rexistrar numerosas fileiras que non dan resolto o problema en determinados horarios.