O debate sobre a seguridade do transporte ferroviario na Galiza segue a estar no foco da actualidade. Ao mesmo tempo que decorre o xuízo polo accidente do Alvia sinistrado en Angrois (Compostela) en 2013, sucesos acontecidos nos últimos días reavivan a preocupación pola situación actual deste transporte público.
É o caso das últimas avarías que tiveron lugar nun período temporal curto, nove días, e chegaron a producir incendios e a consecuente evacuación de pasaxeiras e pasaxeiros.
Foi o caso do lume nun tren Feve o pasado 28 de outubro, no traxecto Ferrol-San Sadurniño, cando, debido a unha rotura nun depósito de combustíbel e a caída deste sobre pezas mecánicas que alcanzan unha gran temperatura, tivo que ser evacuado en Narón.
Poucos despois, o pasado 6 de novembro, un incendio calcinou un dos coches dun tren rexional da liña Ourense-Santiago e, aínda que sen feridos, obrigou a evacuar os pasaxeiros na estación de Botos (Lalín).
O maquinista detectou un fallo de presión hidráulica, polo que decidiu interromper a viaxe nesa estación e foi nese momento cando tivo lugar o lume. Un total de 52 viaxeiras e viaxeiros foron trasladados en autobús até o seu destino final, incluídos os pasaxeiros que se dispuñan a viaxar a Ourense desde a estación de Lalín.
Falta de persoal
O coordinador do sector ferroviario da Confederación Xeral do Traballo (CXT), Juan Sánchez, pensa que o incidente é aínda máis grave ao circular o tren sen interventor. En declaracións a Nós Diario, indica que “o maquinista estaba só e tivo que facerse cargo de todo o procedemento para xestionar a incidencia diante do posto de mando e, ademais, do transbordo dos viaxeiros”. Esta é unha das consecuencias, para este sindicalista, da falta de persoal na Galiza.
As causas deste tipo de incidentes coincidiría, segundo Sánchez, coa “antigüidade destes trens diésel” polo que desde a CXT veñen exixindo desde hai anos “a renovación da frota sobre todo nos diésel”.
Sinala que “hai trens modernos eléctricos e mesmo diésel no corredor Vigo-A Coruña, mais no ámbito do rural ou mesmo no traxecto Vigo-Porto hai vagóns e locomotoras con máis de 30 anos de servizo”. Tras desta situación, di, estaría a falta de electrificación da maior parte das liñas galegas cun material máis moderno e fiábel, que implicase un mantemento máis pequeno e que, ao tempo, evitase fogos.
Outro problema na seguridade estaría no feche da atención presencial nas estacións. “Todos os investimentos rematan absorbidos pola alta velocidade do Eixo Atlántico”, di Juan Sánchez.