Máis de 80 incendios que superan as 20 hectáreas de superficie están a asolar Galiza. Só desde as 00h deste domingo rexistráronse un total de 25 lumes.
Segundo os dados fornecidos pola Xunta, traballan na loita contra o lume 350 brigadas, 220 motobombas, 40 pas e 20 medios aéreos, alén de 160 efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME), con 18 autobombas e 6 nodrizas. O Goberno galego informa de que se esperan, nas próximas horas, outros 100 efectivos.
En Ponteareas-Padróns rexistrouse un incendio que tivo lugar ás 00.26 desta madrugada e que afecta Redondela, Pazos de Borbén e Soutomaior. Traballan para a súa extinción, segundo a Xunta de Galiza, 2 técnicos, 4 axentes, 12 brigadas, 12 motobombas, 5 pas, 1 avión e 3 helicópteros. Tamén participan efectivos da UME. Segundo estimacións provisionais, afecta arredor de 1.500 hectáreas. En declaracións a Sermos Galiza, veciñas e veciños de Soutomaior lamentan que ao redor das 9h o lume avanzaba polo monte do lugar de Moreira e non había efectivos nin recursos ningúns a esas horas. "Os reténs non daban feito, porque estaba todo rodeado, había dous focos importantes e priorizaban a zona de casas, porque onde linda Soutomaior con Amoedo (Pazos) había casas co lume na porta", afirma unha veciña.
No concello de Pazos de Borbén, pola proximidade a bens non forestais (principalmente vivendas e mesmo unha gasolineira), foi necesario decretar a situación de alerta 2. De feito, en Amoedo (Pazos) ardeu unha nave de material de construción moi próxima á estación de servizo e un almacén dunha coñecida casa de cervexas. Dada a súa virulencia, este incendio é, arestora, o que máis preocupa aos medios de extinción. A conselleira do Medio Rural desprazouse ao Posto de Mando Avanzado de Pazos de Borbén para supervisar os labores de extinción.
Máis incendios
Outro lume afecta o concello de Boiro, á parroquia Cures, onde se iniciou ás 00,45 horas e no seu control traballan 1 técnico, 7 axentes, 12 brigadas, 14 motobombas, 2 pas, 1 avión e 1 helicópteros. Neste lume foi preciso decretar a Situación 2, como medida preventiva, pero xa foi desactivada.
Aliás, rexístrase un lume de importancia no concello de Montederramo, que afecta tamén o termo municipal de Vilar de Barrio. Comezou ás 01,01 horas desta madrugada e no seu control actúan 1 técnico, 6 axentes, 9 brigadas, 12 motobombas, 2 pas e 1 helicóptero. Colaboran ademais efectivos da UME.
Tamén está activo un lume no concello de Cervantes, na parroquia Donís. Para a súa extinción mobilizáronse 11 axentes, 36 brigadas, 14 motobombas, 2 pas, 15 helicópteros e 2 avións.
A Xunta insiste en facer un chamamento á cidadanía para que denuncie "calquera actividade delituosa incendiaria da que teña coñecemento" e reclama que alerte dos incendios que localicen a través do número gratuíto 085.
Cómpre lembrar que os incendios que activos na Galiza poden superar os 80 aos que facemos alusión, pois a Consellaría de Medio Rural non informa dos lumes que afectan menos de 20 hectáreas.
O dispositivo anti-incendios da Xunta, desmantelado
Os lumes que están a ter lugar en outubro colleron co pé cambiado á Consellaría de Medio Rural, que tería desactivado parte do dispositivo anti-incendios, segundo denunciou o BNG a pasada sexta feira. O deputado Xosé Luís Rivas "Mini", criticou a precariedade do servizo "con traballadores que contan con contratos fixos discontinuos de tres meses". Parte dese persoal, di, tería sido recrutado de novo durante estes días de lume.