Anpas Galegas denuncia os "problemas técnicos" nas probas de diagnóstico dixitais e acusa a Xunta de "falta de previsión"
A deputada do BNG Cristina Fernández Davila advirte de que a plataforma dixital colapsa nos centros e como o alumnado de 4º de Primaria non está preparado para este formato.
Anpas Galegas mostrou a súa "indignación" ante os "problemas técnicos" detectados durante a xornada desta segunda feira nas probas de diagnóstico dixitais desenvolvidas nos centros educativos galegos.
Nunha nota de prensa, o colectivo denunciou "falta de previsión" por parte da Consellaría de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, posto que, segundo apunta, "xurdiron problemas técnicos que atrasaron e complicaron a realización das probas" e mesmo "nalgún centro desistiron de realizalas".
En concreto, Anpas Galegas asegura que houbo problemas coas actualizacións e coa conexión e, nalgúns casos, "sen asistencia técnica".
Após sinalar que a avaliación do sistema é "necesaria para a mellora educativa", a asociación pediu á Xunta que poña "todos os medios dispoñíbeis" para que a realización destas probas "se leve a cabo sen contratempos".
Falta de ordenadores e problemas de conexión
A deputada do BNG, Cristina Fernández Davila, presentou esta segunda feira unha iniciativa no Parlamento galego para exixir á Consellaría de Educación que revise “urxentemente” o modelo das probas de diagnóstico, que comezaron esta mesma xornada nos centros educativos da Galiza e que están a xerar “un caos organizativo e pedagóxico” debido á súa implantación exclusivamente dixital.
Esta edición das probas, que se realizan en 4º de Primaria e 2º da ESO, introduciu como principal novidade a realización íntegra nunha plataforma dixital. Porén, sindicatos como a CIG xa viñan denunciando que os centros non recibiran información suficiente nin garantías técnicas para afrontar o cambio.
Segundo as queixas recollidas polos sindicatos e na propia comunidade educativa, o desenvolvemento das probas de diagnóstico en formato dixital está “a evidenciar graves carencias materiais e de formación”: falta de ordenadores suficientes nos centros para todo o alumnado que debe examinarse simultaneamente; problemas de conexión coa rede da Xunta da Galiza ao realizaren as probas á vez tantos estudantes; e falta de competencias dixitais no alumnado de 4º de Primaria, que, segundo o propio currículo, non emprega habitualmente medios dixitais até 5º, “o que converte a avaliación nun obstáculo técnico e non nunha ferramenta pedagóxica”.
“Estamos a falar de nenos e nenas de 9 e 10 anos aos que se lles exixe que manexen unha contorna dixital para a que non están formados, mentres os centros carecen de recursos técnicos básicos. Isto non é unha avaliación, é unha fonte de estrés e exclusión”, denunciou Fernández Davila.
A deputada lembrou ademais que o profesorado é o encargado de aplicar e corrixir estas probas sen redución do seu horario lectivo, cunha sobrecarga “xa evidente neste período do curso”. “A Consellaría inviste en dixitalización mentres non amplía os cadros de persoal docente, de apoio, orientación ou coidado. Isto é un despropósito”, engadiu.
O BNG instou o Goberno galego a paralizar a aplicación deste modelo, a dotar os centros dos medios materiais e persoais necesarios, e a recuperar unhas probas con utilidade pedagóxica real que non colapsen a actividade lectiva nin xeran máis desigualdades.