En menos 20 días, a veciñanza da Baña saíu á rúa por segunda vez para denunciar a deterioración da Atención Primaria e o recorte asistencial que acusan, cada vez, con maior malestar. Ás queixas, xa manifestas, pola mala cobertura pediátrica, suman agora unha nova protesta ante a rebaixa das horas de atención da matrona.
Convocados pola CIG-Saúde Compostela un cento de cidadáns e cidadás da Baña e doutros municipios da contorna, como Negreira, concentráronse ás portas do centro de saúde durante a xornada de traballo da matrona.
Desde hai dúas semanas o seu horario sufriu un recorte de cinco horas. Pasou de traballar catro horas diarias cinco días á semana a traballar dúas horas e media cada día de segunda feira a sábado.
“Esta rebaixa é unha proba máis do desmantelamento da sanidade pública no rural e dun recorte asistencial que compromete a calidade do servizo que deben recibir as usuarias”, explica a Nós Diario Xabier Alvedro, delegado sindical da CIG. “Hoxe decidimos acompañar a matrona durante as dúas horas e media que lle impuxeron os sábados, cando non ten cita ningunha malia a dispoñer da súa axenda aberta”, engade.
O centro abre só para a matrona
Desde o sindicato denuncian o caso particular da Baña. “É o único centro de saúde que abre os sábados exclusivamente para a matrona. A semana pasada estivo soa. Hoxe contrataron un PSX (Persoal de Servizo Xeral) a media xornada. Non ten ningún sentido cando as gardas médicas e de enfermería están centralizadas en Negreira durante as fins de semana”, critica Alvedro.
A veciñanza mobilizouse para trasladarlle o seu apoio á matrona e insistir nunha demanda que xa fixeron pública o 16 de xaneiro. Piden uns servizos públicos dignos, que se cubran as baixas e as vacacións da pediatra do centro de saúde, que actualmente só acode dous días á semana e uns coidados axustados ás necesidades da poboación. Agora, tamén os da matrona.
“Se deciden abrir o centro de saúde os sábados, con todos os gastos que iso implica, terán que dotalo en condicións”, recalca Xabier Alvedro, quen asegura que repetirán as protestas mentres non lle devolvan á matrona o horario anterior e ás usuarias da Baña, unha cobertura asistencial de maior calidade.
Apoio do colectivo de matronas
A matrona recibiu o apoio do seu colectivo profesional, como fixo no pasado, cando lle tocou recoller o Premio 8 de marzo 2019 do Concello de Negreira, un dato que quixeron sinalar como mostra do seu compromiso coa comunidade e coa atención á muller.