18-F

Sumar garante o número 'dous' na Coruña e o 'un' en Lugo a Podemos, que se compromete a non abandonar a coalición

O preacordo asinado tamén garante a Podemos Galicia unha contía anual non menor de 46.000 euros para desenvolver o seu proxecto político se se logra un deputado.
Marta Lois e Yolanda Díaz, onte, en Santiago. (Foto: César Arxina / Europa Press)
photo_camera Marta Lois e Yolanda Díaz, onte, en Santiago. (Foto: César Arxina / Europa Press)

O preacordo asinado por Movemento Sumar e Podemos Galicia para concorrer en coalición xunto a Esquerda Unida baixo a marca Sumar Galicia reserva, para a formación morada, o segundo posto da circunscrición da Coruña e o primeiro por Lugo, así como o terceiro de Ourense e o cuarto por Pontevedra. Así figura no documento que Podemos somete a consideración das persoas inscritas —canda as primarias nas que participan dúas candidaturas— e que constitúe un paso previo a que o preacordo con Sumar poida asinarse de forma definitiva, se é validado, co fin de asinar a coalición antes do 5 de xaneiro, día en que conclúe a medianoite o prazo para este trámite.

Este preacordo, como xa anunciou Sumar na cuarta feira no acto de presentación da candidatura, reserva a cabeza de lista á Xunta á formación de Yolanda Díaz, concretada na figura da actual deputada e portavoz no Congreso de Sumar, Marta Lois, que ten previsto deixar a curto prazo o escano na Cámara baixa. O documento tamén garante a Podemos Galicia unha contía anual non menor de 46.000 euros para desenvolver o seu proxecto político se se logra un deputado, suma que aumentaría no caso de que a candidatura lograse máis representantes.

Por outra parte, a persoa representante da coalición e o administrador xeral da coalición serán propostos por Movemento Sumar Galicia, con acordo das partes e os de cada provincia en función da procedencia da cabeza de lista en cada unha das circunscricións.

Ademais, o acordo inclúe que o grupo parlamentario, que terá a denominación de Sumar Galicia, obrigará todos os deputados e deputadas a permanecer nel. Así, especifica que "Podemos Galicia se compromete a permanecer no grupo parlamentario toda a lexislatura".

Díaz, pendente de Podemos

En declaracións a TVE, Díaz precisou hoxe que é "respectuosa" co principio de acordo que se suscitou entre Sumar, Podemos e EU, e que agora queda a expensas das decisións que democraticamente adopten para ver se avalan, ou non, ir de forma conxunta aos comicios galegos. Tras incidir en que a ela non lle compete tomar ese tipo de decisións, salientou que onte presentaron Marta Lois como candidata para esta cita electoral, e dixo estar convencida de que será a "chave" para o cambio político no país, cuxo futuro será "progresista".

A tamén vicepresidenta segunda do Goberno chamou á mobilización da esquerda para eses comicios, dado que se se conseguen os niveis de participación que tivo o bloque progresista nas eleccións do 23 de xullo nas estatais, poderán "volver derrotar" o PP. "Se os galegos progresistas que foron votar o 23-X fano o 18-F, o PP sae de Montepío e a Xunta da Galiza será por fin de futuro e, sen dúbida, contando con Marta Lois no Goberno", resolveu.

Comentarios