Yolanda Díaz non se reunirá con Feixoo e delega en Marta Lois

Sumar criticou ao PP que propoña un diálogo coas "forzas democráticas" mentres mantén gobernos autonómicos con Vox, unha forza política que "nega a violencia machista e a crise climática, e quere prohibir formacións políticas democráticas".
Yolanda Díaz e Marta Lois durante unha rolda de prensa en agosto (Foto: Alejandro Martínez Vélez / Europa Press).
photo_camera Yolanda Díaz e Marta Lois durante unha rolda de prensa en agosto (Foto: Alejandro Martínez Vélez / Europa Press).

Sumar delegou na súa portavoz parlamentaria, Marta Lois, para reunirse co presidente do PP estatal, Alberto Núñez Feixoo, para a súa investidura, rexeitando así que sexa Yolanda Díaz quen converse co dirixente 'popular'. Tamén exixiu ao PP que retire os recursos de inconstitucionalidade que ten presentados contra a reforma laboral e a Lei Trans.

Así o expresou a formación nunha carta que remitiu esta sexta feira a Feixoo. No texto, Sumar quixo "deixarlle claro" que a súa investidura "está condenada ao fracaso" e que o "único goberno posíbel" é unha coalición do PSOE e Sumar "que avance na axenda social e territorial".

"Como sempre, estamos abertos ao diálogo e á cooperación coas forzas políticas democráticas para mellorar a vida da cidadanía e a institucionalidade. Nese sentido, confirmamos a dispoñibilidade da portavoz do grupo parlamentario de Sumar, a señora Marta Lois, para esta reunión", lese na carta.

Con todo, Sumar criticou ao PP que propoña un diálogo coas "forzas democráticas" mentres mantén gobernos autonómicos con Vox, unha forza política que "nega a violencia machista e a crise climática, e quere prohibir formacións políticas democráticas".

"Soidade do PP"

Esa posición, en opinión da coalición de partidos liderada por Díaz, "reforza" a "soidade" do Partido Popular. "Non se pode querer dialogar con todos e pactar sempre con quen quere prohibir partidos políticos democráticos", sinalaron na carta.

Por outra parte, Sumar exixiu ao PP que retire os recursos de inconstitucionalidade que mantén contra a reforma laboral e a Lei Trans se "ten vontade de chegar a acordos".

"Se o señor Núñez Feixoo ten vontade de chegar a acordos, debe empezar por respectar os pactos sociais vixentes", agregaron.

Comentarios