A Xunta anuncia un bono co que pagará 1.200 euros a empresas privadas por residente

O Goberno galego destinará 55 millóns de euros anualmente a este complemento, que outorgará independentemente do grao de dependencia ou nivel de renda da persoa beneficiaria.
A conselleira de Política Social, Fabiola García, no Parlamento galego. (Foto: Arxina)
photo_camera A conselleira de Política Social, Fabiola García, no Parlamento galego. (Foto: Arxina)

A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, gabouse esta segunda feira de que Galiza será "a primeira comunidade e a única" en contar cun complemento universal ao 'Bono Residencia', unha axuda de 1.200 euros ao ano coa que a Xunta aspira a beneficiar 10.000 galegos e galegas co pagamento dun centro residencial privado, con independencia de cal sexa o seu grao de dependencia ou nivel de renda.

A conselleira visitou hoxe a Residencia Sanitas da Coruña, un acto do que informou a Xunta nun comunicado e no que explicou que o Goberno galego destinará 55 millóns de euros anualmente a este complemento. Fabiola García enmarcou esta medida no "paso histórico" cara á unviersalización do acceso ao sistema de atención á dependencia que dará o Executivo nos orzamentos de 2024.

Así, dixo que a este complemento para as persoas que conten cun 'Bono Residencia' súmase o 'Bono Coidado Universal', para aquelas que queiran seguir vivindo nos seus fogares. A Xunta destinará 100 millóns de euros ao ano a esta axuda de 5.000 euros anuais, que permitirá a máis de 20.000 galegos —sen importar o seu nivel de dependencia ou de renda— seguir nas súas casas mentres son coidados por un familiar, veciño ou persoa de confianza.

A titular de Política Social referiuse a outras melloras impulsadas polo Goberno galego no sistema residencial. Neste sentido, sinalou que se seguirán incrementando as prazas públicas en residencias, que xa se triplicaron no últimos catorce anos até alcanzar as 15.000 na actualidade.

Aliás, avanzou que se continuará estendendo a rede de centros públicos autonómicos, coa posta en marcha de novas residencias, como a que a Fundación Amancio Ortega constrúe no barrio de Eirís (A Coruña) e que suporá a posta en marcha de 150 prazas publicas.

Tamén se referiu ás melloras no funcionamento das residencias públicas de maiores, que están en marcha a través de investimentos como a de 1,2 millóns de euros que se executa na Torrente Ballester; e a creación de novos recursos, como os primeiros centros de coidados intermedos públicos do Estado.

Comentarios