Parlamento

Rueda reclama traspasos sobre os que ten votado en contra e culpa a oposición de 14 anos sen transferencias

Alfonso Rueda anunciou esta cuarta feira que o Goberno español que saia das urnas o 23-X vai ter sobre a mesa despois do verán unha petición do Executivo galego para o traspaso de diversas "competencias". O PP ten votado en contra da transferencia dalgunhas delas no Parlamento galego.
Alfonso Rueda, Ana Pontón e Begoña Rodríguez Rumbo na sesión de control desta cuarta feira. (Fotos: Arxina)
photo_camera Alfonso Rueda, Ana Pontón e Begoña Rodríguez Rumbo na sesión de control desta cuarta feira. (Fotos: Arxina)

O dato obxectivo é un: en 14 anos de Goberno do Partido Popular non se logrou ningunha transferencia de competencias para a Galiza. O relato sobre este dato varía segundo quen o interprete. O BNG —que esta cuarta feira levou á sesión de control parlamentario ao presidente ese balance de cero traspasos de Gobernos do PP na Xunta desde 2009— ve neses 14 anos en balde en novas competencias unha mostra de que o PP non cre no autogoberno da Galiza. O PP, pola súa parte, culpa deses case tres lustros sen traspasos ao BNG e a Pedro Sánchez, entre outros.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, lembrou que o propio Alfonso Rueda consideraba en 2009 "pouca cousa" as 14 transferencias que conseguira o Goberno bipartito na súa única lexislatura. "E vostedes en todos estes anos non lograron ningunha", reprochou a líder da oposición, mentres territorios como Euskadi lograban 26, Catalunya 11 ou Andalucía 16. Para Pontón, este balance en branco responde a dous motivos: "O PP é o cabalo de Troia do centralismo no país e o PP é inútil para defender a Galiza en Madrid".

Para Rueda, porén, esta seca competencial ten uns culpábeis que non están nos que gobernan a Galiza desde 2009, senón no BNG e no Goberno español. "Son o único partido nacionalista que non lle sacou nada a Pedro Sánchez", dixo o presidente. "14 anos de Goberno do PP e a culpa é do BNG?", inquiriulle Pontón. Rueda, entón, instou a portavoz nacionalista a apoiar "as competencias que imos reclamar a partir de agosto", e citou o traspaso da AP-9, un novo modelo de financiamento, o litoral ou o "100% de efectivos da Policía autonómica".

O PP votou en contra no Parlamento galego do traspaso dalgunha destas competencias. Así, e neste mesmo mes de xuño, os populares vetaron que a Cámara galega reclamase a transferencia á Galiza da xestión do litoral, tal e como reclamaba o grupo do BNG. E ao longo destes anos tamén se posicionou en contra de iniciativas no Parlamento que querían avanzar cara a un corpo de Policía galega, con máis efectivos e competencias.

Millóns sen executar en emprego

O PSdeG cuestionou o presidente galego pola falla de execución de partidas en política de emprego. A viceportavoz Begoña Rodríguez —que substituíu o portavoz Luís Álvarez— afirmou que entre 2009 e 2022 o Goberno galego deixara "sen gastar" 1.956 millóns de euros para políticas de emprego, ao tempo que tampouco executara máis de 850 millóns para formación. "Se o mercado laboral vai ben é polas políticas do Goberno español, non polas súas", dixo dirixíndose a Rueda.

"Só en 2022 marcharon da Galiza 8.252 traballadores e traballadoras con titulación universitaria", proseguiu Rodríguez, pondo o dato como exemplo de que o Executivo galego non "actúa". Alfonso Rueda, porén, defendeu que a maioría dos datos "corroboran" a boa marcha da economía galega.


O PP veta a transferencia a Galiza de 35 competencias

A proposición non de lei presentada polo BNG para reclamar o traspaso de 35 novas competencias para a Galiza e aumentar así o Autogoberno non prosperou na votación desta cuarta feira. Só o nacionalismo votou a favor, absténdose o PSdeG e posicionándose en contra o PP. "Alfonso Rueda e Núñez Feixoo son un tándem letal para o Autogoberno", afirmou o deputado nacionalista Luís Bará durante o de ate da proposta: "Catro lexislaturas seguidas e nin unha soa nova competencia", engadiu.

Porén, para Alberto Pazos Couñago (PP), a proposta do BNG é unha mostra da "desconexión coa realidade" da formación nacionalista, indicando que o que preocupa a cidadanía galega non son as transferencias, nunha sociedade, dixo, "orgullosamente galega e española".

Luís Álvarez (PSdeG), pola súa parte, se ben criticou o PP pola súa nula bagaxe en traspasos conseguidos para a Galiza en 14 anos, distanciouse da iniciativa nacionalista, que considerou "feita para a galería". Entre o paquete de traspasos que contemplaba esta proposición non de lei estaba desde aeroportos, portos de interese xeral, salvamento marítimo e tráfico até as bolsas de estudo e a transferencia dos centros de investigación que teñen a súa sede en Galiza.

Comentarios