Os novos orzamentos da Xunta fican 1.695 millóns por baixo das contas do bipartito en 2009

A Xunta afronta a recuperación económica cun investimento inferior ao de hai 12 anos. O orzamento "máis alto da historia", segundo dixo Núñez Feixoo, fica 1.695 millóns por baixo do último elaborado polo Goberno de PSdeG e BNG, que ascendía en 2009 a 11.426 millóns, que equivalerían hoxe, atendendo o IPC, a 13.322 millóns.
O novo conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, presentou os orzamentos para 2022 (Foto: Xunta da Galiza)
photo_camera O novo conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, presentou os orzamentos para 2022 (Foto: Xunta da Galiza)

O Goberno galego presentou o proxecto de contas da Xunta para 2022 afirmando que son as “máis altas da historia”. O presidente, Alberto Núñez Feixoo, e o novo conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, revelaron na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta que a Galiza terá para o ano que vén un orzamento non financeiro de 11.627 millóns de euros. Porén, o poder da matemática desmonta mais unha vez o clásico slogan "das cifras máis altas da historia".

De feito, o orzamento non financeiro do ano 2009, o último elaborado polo Goberno de coalición de PSdeG e BNG na Xunta, e antes por tanto da chegada de Alberto Núñez Feixoo a San Caetano, alcanzaba os 11.426,4 millóns de euros (o total do orzamento consolidado naquel ano alcanzou os 11.792,8 millóns).

Se á primeira cifra, a do orzamento non financeiro de 2009, se lle aplica a suba do Índice de Prezos de Consumo (IPC) desde outubro de 2009 a setembro de 2021 (hai 16,6% de variación do IPC na Galiza, lixeiramente por riba da media estatal, que é de 16,2%) os orzamentos de 2009 equivalerían na actualidade a 13.322 millóns de euros, é dicir, 1.695 millóns máis que as contas da Xunta para 2022. Desta maneira, o Executivo galego pretende afrontar a recuperación económica con 1.695 millóns de euros menos dos que se orzaron en 2009. 

Capacidade de gasto para o ano 2022

Feixoo e Corgos celebraron esta segunda feira, 18 de outubro, que o novo orzamento "rompa" o teito de gasto non financeiro estabelecido para o ano 2022 (11.571 millóns de euros) grazas ás achegas que recibirá a Galiza e "que non se coñecían" en agosto, cando foi aprobado polo Parlamento. Efectivamente, as novas contas superan en 1.204,8 millóns o teito de gasto do ano que vén, mais fican uns 20 millóns por baixo do teito estabelecido no exercicio 2021 (11.644 millóns). De feito, o teito aprobado para 2022 é 93 millóns de euros inferior ao de 2021.

Por outra banda, o orzamento non financeiro anunciado para o ano que vén (11.627 millóns) si supera o actual (11.563 millóns) sen atender claro está ao engadido de 101 millóns en crédito para financiamento empresarial que se incorporou ás contas de 2021 (101 millóns a maiores). Aínda fica pendente coñecer nos vindeiros días a canto ascenderá a parte financeira para o ano que vén.

Gasto social 

Na rolda de prensa Feixoo cifrou en "máis de sete" de cada 10 os euros que as contas públicas dedicarán a financiar o gasto social.
Segundo afirmou, as partidas para esta materia alcanzan 8.660 millóns, cun incremento de 610 respecto aos anteriores orzamentos: 269 dedicados ao reforzo en sanidade (que se sitúan nun total de 4.583 millóns), 179 á educación (en total 2.695 millóns), 126 ás políticas sociais (987 en total) e 37 ao emprego (395). Son as contas "da reactivación e a recuperación", aseverou o titular da Xunta, que se valeu dunha expresión do recentemente falecido Valeriano Martínez, anterior conselleiro de Facenda, ao falar do "crecemento san" que supón reducir a partida destinada aos intereses da débeda até os 74,1 millóns. É, reivindicou Feixoo, "a única que baixa" de todo o orzamento -en 2021 alcanzaba 99,7 millóns-.

De "realista e prudente" cualificou o presidente o cadro macroeconómico, que revisa á alza o crecemento para este exercicio, até 6%, o mesmo que estima para 2022 tras unha baixada de 8,9% en 2020. En canto ao desemprego, sitúao en 12,2% a finais de ano e en 11,7% ao acabar 2022.

Por capítulos de gastos, os investimentos reais ascenden no proxecto do exercicio que vén a 1.441,9 millóns, 10,3% máis e as transferencias de capital sitúanse en 1.12,5 millóns, polo que o total de gastos de capital ascenden a 2.554,5 millóns, 14,6% máis.
No caso do emprego público, Corgos subliñou partidas de 84 millóns para facer efectivo o incremento salarial de 2% ao funcionariado. Sinalou a previsión de dotación de 1.330 prazas nos cadros de persoal das institucións sanitarias públicas, entre as que a Xunta resalta 501 prazas de persoal facultativo, 479 prazas de enfermaría e 162 para persoal residente en formación.

No ámbito do financiamento municipal, o novo proxecto de contas contempla 488,6 millóns, deles 147 correspondentes a mecanismos de cooperación local e 341,6 a outras transferencias a entidades locais. É "a maior achega da historia para as entidades locais", segundo a Xunta.

Por último, no relativo a universidades, o plan de financiamento estará dotado de 469 millóns de euros, fronte aos 444 de 2021.

As contas de Martínez, a debate

O proxecto de orzamentos para 2022 entrará na cuarta feira, 20 de outubro, no Parlamento galego para a súa tramitación coa previsión de que estean en vigor a 1 de xaneiro. Son as contas "de Valeriano Martínez e o seu equipo", dixo o presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, con referencias emocionadas ao falecido titular de  Facenda. Igualmente, o seu sucesor, o xa ex director xeral de Orzamentos, Miguel Corgos, que esta seguda feira xurou o cargo como titular de Facenda, tivo palabras de recordo para Martínez, que morreu no seu despacho o pasado 6 de outubro. Os orzamentos estaban "finalizados" e só houbo que facer "algúns axustes", destacou.

Na tarde deste 18 de outubro, Feixoo xunto ás conselleiras e conselleiros e o presidente do Parlamento galego, Miguel Santalices, entre outros representantes políticos, participaron nunha misa por Martínez na Catedral de Santiago de Compostela. 

Comentarios