A Xunta suma 1.540 millóns para emprego sen gastar desde 2009

A Xunta da Galiza deixou sen gastar un total de 1.540 millóns de euros destinados a políticas de emprego nos orzamentos da Xunta desde 2009.
Alberto Núñez Feixoo e Alfonso Rueda, no Parlamento galego (Foto: Arxina)
photo_camera Alberto Núñez Feixoo e Alfonso Rueda, no Parlamento galego (Foto: Arxina)

O Goberno galego deixou sen gastar un total de 1.540 millóns de euros destinados a emprego nos orzamentos da Xunta desde 2009, ano en que Alberto Núñez Feixoo chegou á Presidencia da Galiza. Denunciouno en sede parlamentar a deputada socialista Carmen Rodríguez, que reclamou ao Executivo que se comprometa a “gastar os créditos vixentes destinados ás políticas de emprego ofertando ás persoas demandantes de traballo as actuacións de mellora da empregabilidade acordadas no seu itinerario de inserción”.

Tamén reclamou investir os fondos non gastados para encetar un plan de formación en competencias chave.

Aliás, acusou a Xunta de agochar os datos reais do desemprego con “medias verdades”, ao "presumir" de ser Galiza a comunidade en que máis baixou o desemprego en abril.

Nese sentido, reprochou que se esconda que a Galiza é o segundo territorio en que máis medrou o desemprego  en tres dos catro primeiros meses de 2021.

Desemprego xuvenil

A moción da socialista non saíu aprobada, ao PP votar en contra. Mesma sorte correu a iniciativa do BNG que defendía elaborar un novo Plan de emprego para a mocidade que incluíse programas que favorezan a creación de emprego xuvenil estábel e digno, con salarios que permitan a emancipación.

O deputado nacionalista Paulo Ríos tamén pediu mudanzas nas políticas de vivenda para favorecer a emancipación da mocidade. 

O portavoz popular José Manuel Balseiro mostrou o rexeitamento do seu grupo ás dúas iniciativas con referencias a anteriores Executivos do Partido Socialista: "Cada vez que o PSOE goberna, o paro medra", dixo, acusando ademais o BNG de defender políticas de vivenda de sistemas socialistas.

Comentarios