O PP aproba un recorte no límite de gasto da Xunta de 93 millóns

A Xunta sinala unha suba de 8 millóns de euros no límite de gasto dos Orzamentos de 2022, mais, de comparar o teito de gasto de 2021 co de 2022, sae un recorte de até 93 millóns.

A oposición votou contra a redución da capacidade de gasto para as contas do ano que vén (Foto: Parlamento galego)
photo_camera A oposición votou contra a redución da capacidade de gasto para as contas do ano que vén (Foto: Parlamento galego)

O Parlamento galego aprobou co 'si' do PP e o voto en contra da oposición (BNG e PSdeG) o teito de gasto para o exercicio 2022 con 11.571 millóns de euros. Esta capacidade de gasto das arcas públicas, aprobada nesta terza feira, 3 de agosto, e que marca o inicio da elaboración dos Orzamentos da Xunta para o vindeiro ano, foi celebrada polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, que sinalou que aumenta en 8 millóns respecto á cantidade total que figura nos Orzamentos da Xunta de 2021 (11.563 millóns).

O presidente realizou esta conta comparando o teito de 2022 cos orzamentos de 2021, mais sendo rigorosos e de comparar ambos os teitos, o de 2022 (11.571 millóns) co de 2021 (11.664 millóns), non hai suba ningunha, senón un descenso que alcanza os 93 millóns de euros. Así, a cifra positiva de Feixoo débese a que os orzamentos de 2021 non chegaron a completar o teito de gasto que se aprobara daquela. 

E, de feito, aplicando maior rigor, o descenso do teito de gasto para o ano que vén chegaría aos 304 millóns, xa que o teito de 2022 inclúe a transferencia adebedada do ano 2017 do Estado a Galiza por valor de 211 millóns de euros pola mensualidade do IVE daquel ano. É dicir, o teito de 2022 inclúe uns recursos de hai cinco anos.

Ademais deses 211 millóns adebedados polo IVE, o teito do vindeiro ano inclúe 417,3 millóns da parte que corresponde a Galiza dos recursos vinculados ao Mecanismo de Recuperación e Resiliencia; 266,9 millóns dos recursos React-EU; e 415 millóns correspondentes ao 0,6% de necesidade de financiamento, unha vez detraídos 41 millóns de axustes de contabilidade estatal.

Tres prioridades

Durante o debate parlamentario, o conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, cualificou este teito de “prudente e rigoroso” e explicou que ten tres prioridades: dar por superada a pandemia en termos sanitarios, seguir reactivando a actividade económica e o emprego, e garantir a protección e o benestar das familias e das empresas.

Ademais, o conselleiro tamén subliñou que permitirá recuperar “a mediados de 2022 o nivel de riqueza preCovid”.

Negociación bilateral

“Nun contexto de crise, Galiza precisa uns orzamentos expansivos, mais o Goberno do PP propón unhas contas públicas para 2022 recortando teito de gasto”, lamentou no Parlamento a líder do BNG, Ana Pontón. “É dicir, que no medio dunha crise sanitaria, económica e social, o Goberno de Feixoo ten previsto investir menos", criticou.

A  nacionalista demandou ademais Goberno galego que solicite unha comisión bilateral Xunta-Estado para "negociar o financiamento que Galiza necesita para superar a crise e dar solucións aos retos de futuro", unha comisión con tres asuntos centrais sobre a mesa: os fondos Next Generation, os investimentos nos orzamentos do Estado do 2022 e un novo modelo de financiamento.

En relación aos fondos europeos de recuperación, Pontón sinalou que a negociación deber servir para que a Galiza "reciba até o último euro que lle corresponde duns recursos que son os únicos extraordinarios". Tamén demandou a súa xestión directa desde a Galiza.

A segunda cuestión que abordou é a posición da Galiza en investimentos directos e transferencias que debe recibir nos orzamentos do Estado, que empezan a elaborarse, “co obxectivo de evitar novos recortazos como os aprobados nos últimos presupostos, tanto polo Goberno do PP como polo de PSOE-Podemos”, indicou.

E como terceira cuestión para esa negociación bilateral, pediu un novo modelo de financiamento “que permita a este país ter a chave dos seus cartos e estabelecer as súas prioridades de gasto e investimento e superar un sistema no que o Estado fai caixa na Galiza".

Políticas de "austeridade"

Tamén o líder do PSdeG, Gonzalo Caballero, criticou a redución de gasto prevista con respecto ao límite aprobado para este ano e pediu ao Goberno galego que "non teña medo das políticas expansivas, non siga aferrado aos restos das políticas de recortes e austeridade".

Caballero lembrou que aínda "hai moitos problemas que non teñen resposta" e instou a Xunta a "ser ambiciosos, polos galegos e galegas", e a abandonar as políticas de "gardar o diñeiro debaixo do colchón, de ser rañicas", para aumentar o gasto público.

O socialista lamentou que a Xunta "non teña vontade nin eficiencia" para xestionar os recursos e apuntou que, na actual conxuntura, con capacidade de gasto extraordinaria e cos maiores orzamentos, "non saben como aproveitalos". 

Comentarios