O Parlamento aproba os orzamentos cos votos en contra da oposición

A Galiza xa ten as súas contas para 2021. O Parlamento aprobou hoxe a Lei de Orzamentos Xerais, que ascenden a 11.563 millóns de euros en gasto non financeiro, superando en 1.414 millóns as do ano pasado grazas a contar coa obtención de fondos de recuperación estatais e tamén europeos, pero cuxa recepción na Galiza está en boa medida pendente (os orzamentos computan 685 millóns de fondos extraordinarios Covid e 430 fondos React-EU). Saíron aprobadas co voto en solitario do PP, que impediu coa súa maioría absoluta que pasase algunha das 1.176 emendas da oposición que foron ao pleno.
O pleno do Parlamento galego votou os orzamnetos de 2021 (Foto: Arxina)
photo_camera O pleno do Parlamento galego votou os orzamnetos de 2021 (Foto: Arxina)

Con 42 votos a favor (os do PP) e 33 en contra (do BNG e PSdeG) o Parlamento deu o aprobado final aos orzamentos da Xunta para este ano nun pleno ao que chegou un milleiro de emendas (542 do BNG e 634 do PSdeG). despois de aprobárense previamente en comisión as 22 que presentaron os populares, catro do PSdeG e unha transaccionada con nacionalistas e socialistas. 

As contas foron reivindicadas polo Goberno de Alberto Núñez Feixoo como "expansivas" e "as máis sociais da historia" con 11.563 millóns de euros, é dicir, 13,9% máis altas que as do ano pasado, sen teren en conta os 101 millóns do capítulo de instrumentos financeiros que as acompañan. Con todo, e a pesar de seren os orzamentos chamados a facer fronte á crise económica e social derivada da pandemia, non son as máis altas da historia e fican por baixo das do ano 2009 (as últimas do Goberno da Xunta formado polo PSdeG e o BNG), que contaban con máis de 11.792 millóns de euros.

Máis dunha década despois, estas dúas forzas reprochan ao PP falta de impulso nas partidas que consideran máis fundamentais, recriminando que sanidade e ensino fiquen prexudicados no reparto dos fondos xa que, pese ao aumento de recursos en cada unha delas (478 millóns en sanidade e 167 millóns en educación), ambas as áreas soben por baixo dese case 14% que aumentan de media dos orzamentos (as partidas sanitarias increméntanse en 11,6% e as de educación e cultura en 6,6%).

O PP reivindicou o orzamento por ser "coherente, realista e estar lonxe da improvisación" que atribúe ao confeccionado polo Goberno español. O secretario xeral dos populares, Miguel Tellado, asegurou que son "uns orzamentos bos por si mesmos", pero que "brillan especialmente se se comparan" cos do Estado, "tan aplaudidos polo PSOE". 

Mentres, nacionalistas e socialistas cargaron contra o PP por "non estar á altura" do "desafío" que afronta Galiza coa pandemia. A oposición coincidiu en reclamar axudas directas para os sectores económicos afectados polas novas restricións da Xunta, como a hostalaría, ximnasios ou espectáculos, obrigados a fechar.

Uns orzamentos "obsoletos antes de ser aprobados" 

A líder da oposición e portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, reclamou "un plan de futuro" ante a sensación "dun Goberno da Xunta que vai por detrás do virus" e asegurou que os orzamentos "están obsoletos antes de seren aprobados", polo que apelou o PP para "atrasar unha hora a votación", co obxectivo de acordar cambios. "Fagámolo, abandonen o absolutismo inútil", subliñou, pedindo "diálogo". Non sucedeu.

Nas súas emendas, o BNG propuxo "dar un uso alternativo" a 1.500 millóns de euros, incluíndo un plan de axudas directas á hostalería por importe de 80 millóns, un veto, o do PP, co que Pontón foi especialmente crítica por estar a poucas horas do feche total do sector, hoxe xa en vixencia.

Ao 'non' a esta proposta de axudas directas, Pontón sumou os "atrancos que está pondo a Xunta a un acordo de tres deputacións (A Coruña, Lugo e Pontevedra) a favor dun plan de rescate da hostalaría, en que elas e Administración galega poñan o mesmo esforzo orzamentario. “Toda a disposición do BNG para arrimar o ombro, pero lamento que o vicepresidente da Xunta da Galiza en lugar de buscar un acordo estea máis preocupado en facer oposición aos concellos e ás deputacións", denunciou.

Pontón acusou o PP de, ao non aceptar as propostas do Bloque,  votar, en contra de "ter máis recursos para a sanidade" e dun "plan de continxencia para garantir a saúde da poboación máis aló da Covid-19", así como dun plan de rescate á hostalería e outros sectores afectados polo fechamento. "Votan 'non' a un novo modelo de coidados das persoas maiores". 
As prioridades da nacionalista no debate tamén estiveron postas na aposta por un novo modelo económico sustentábel, "baseado na ciencia e na investigación". Nese sentido, chamou a combater a pobreza, apostar pola I+D+i, reforzar a loita contra a violencia machista e defender a lingua, obxectos das emendas presentadas. 

Superados pola realidade

Para o secretario xeral do Partido Socialista, Gonzalo Caballero, os orzamentos “non dan resposta” á crise derivada da Covid-19 porque “non se centran en fortalecer o benestar, rescatar a economía nin construír o futuro" e "son un papel superado pola realidade das necesidades da xente nesta terceira onda”, subliñou, toda vez que foron elaborados “cando Feixoo estaba dedicado a criticar o estado de alarma e o recoller obrigatorio porque quería salvar o Nadal e potenciar o turismo durante a Semana Santa”. 

Baixo ese argumento, o socialista criticou que as contas parten “dunha diagnose que se veu abaixo” e “amosan debilidades estruturais, falla de compromiso e falla de proxecto fronte a unha crise de tanta envergadura”. Para Caballero “o Goberno galego desaproveita a oportunidade de gasto duns orzamentos expansivos para corrixir eivas e para protexer a xente”. 

Nas súas emendas, o PSdeG requiriu máis fondos para mellorar a sanidade pública, “desbordada” nesta terceira onda por falla de persoal e de recursos, para fortalecer a educación pública e para estabelecer un plan de conciliación para as familias do alumnado que no pode acudir a clase a causa dos contaxios. Así mesmo, exixiu maiores partidas para as residencias de maiores. 

Ao igual que Ana Pontón, o líder socialista denunciou que as novas restricións da Xunta non van “acompañadas de medidas económicas para que os negocios poidan sobrevivir”, emprazou Feixoo a anunciar un rescate a autónomos e pemes, e criticou que "en todo 2020 o Goberno galego só destinou 22 millóns de euros a este fin mentres o Goberno de España remitiu máis de 1.200 millóns a Galiza en concepto de ERTE, desemprego e axudas a autónomos no ano pasado".

Comentarios