O "axitador ultra" Vito Quiles exixe unha indemnización de 10.000 euros a Néstor Rego por non responder ás súas preguntas

Posteriormente demandoulle outros 18.000 euros por "vulneración do dereito á honra". "Se pretenderen intimidar, non saben que co BNG mallan en ferro frío. Xa van catro anos sen entrar na estratexia mediática ultra. Nunca o farei", advirte o deputado nacionalista no Congreso.
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, hoxe, en rolda de prensa. (Foto: Carlos Luján / Europa Press)
photo_camera O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, hoxe, en rolda de prensa. (Foto: Carlos Luján / Europa Press)

O deputado e portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, igual que teñen feito en reiteradas ocasións outros parlamentarios e parlamentarias de diferentes formacións políticas, négase a responder na sala de prensa ás "provocacións" de medios ultradereitistas como EDATV. Un dos seus reporteiros máis afamados, Vito Quiles, foi considerado un "axitador da extrema dereita" por parte de diferentes partidos que piden que se lle retire a acreditación pola súa actitude que ven "provocativa".

E agora, segundo explicou el mesmo a través das redes sociais, Rego vén de recibir un burofax dos seus avogados reclamando o pagamento dunha indemnización de 10.000 euros e que pida "desculpas" na rede, e que manteña esa publicación durante tres meses, polo que consideran unha "actitude completamente irrespectuosa" e unha "vulneración do dereito ao traballo" de Quiles. Tamén pretenden que realice unha "declaración pública" ante a prensa "de ámbito nacional" desculpándose por non responder ás súas preguntas en rolda de prensa.

Porén, o deputado nacionalista advirte: "Se pretenderen intimidar, non saben que co BNG mallan en ferro frío. Xa van catro anos sen entrar na estratexia mediática ultra. Nunca o farei".

E na mesma liña volveu pronunciarse esta terza feira ante o propio Quiles, que ao remate da súa comparecencia ante os medios polo suposto "financiamento do BNG a unha protesta contra a Xunta a escasos días das eleccións".

E Rego, como adoitan facer el e mais outros deputados e deputadas ante o que denominan "axitadores ultras", respondeu: "Levo catro anos sen contestar ás provocacións e a estratexia mediática da ultradereita, e non o vou facer agora tampouco, a pesar das intimacións extraprocesais, sobre todo extrarracionais. Intimacións, e non intimidacións, porque é evidente que intimida quen pode e non quen quere".

Nova demanda

Xa entrada a tarde desta terza feira, Néstor Rego difundiu en redes sociais un novo burofax remitido polos avogados de Vito Quiles, logo de que se referise a el como "provocador de ultradereita". Agora demándalle outros 18.000 euros polo que considera unha "vulneración do dereito á honra" do reporteiro de EDATV.

"Estes ultras, que se dedican a insultar todo mundo, non entenden o que é liberdade de expresión e parecen non saber a diferenza entre insulto e descrición. Un novo burofax en que o tal V. Quiles sobe a aposta: agora reclama 18 000 € (e van 28.000). Insisto, baten en ferro frío", respondeu o nacionalista.

Comentarios