En xogo o sorpasso

O voto CERA decide esta segunda feira se o PSdeG obtén un novo escano por Ourense

O último deputado asignado na provincia foi para o PP por unha diferenza de só 135 votos. O sufraxio dos residentes ausentes na provincia ourensá ten sacado e asignado escanos en máis dunha elección.

Papeletas electorais nunha imaxe de arquivo (Foto: Nós Diario).
photo_camera Voto por correo

Esta segunda feira vaise escrutar o voto CERA, o Censo de residentes ausentes, sufraxios que en Ourense poden provocar unha variación electoral dos resultados saídos das urnas en Galiza o pasado 25 de setembro. O PP podería perder un deputado en beneficio do PSdeG, que deste xeito pasaría ter 15 escanos e evitar o 'sorpassiño' de En Marea, situando os socialistas como principal forza da oposición. Ou sexa, que o voto CERA, máis unha vez, pode variar o escenario electoral galego.

O 25 de setembro o último escano asignado foi para o Partido Popular por 135 votos. As solicitudes admitidas de voto CERA nesa provincia foi de perto de 2.900 (dun total en Galiza de 17.871). En palabras de analistas consultados por Sermos Galiza, “un volume de votos que pode provocar unha variación dos resultados do 25S” por mor de como ficara o reparto de deputados na provincia. Unha alteración que desbotan que aconteza noutras provincias no reconto dos sufraxios de residentes ausentes. “Se vai haber algo, será en Ourense”.

Difícil, non improbábel

O PP ten ese seu último deputado ourensán por 135 votos sobre o PsdeG mais a 'carambola' non finaliza aí. O BNG ten o seu escano por unha diferenza de por volta duns 830 sufraxios sobre os socialistas. Mais, apontan as fontes consultadas, ese cambio, que perda o nacionalismo o deputado en favor dos socialistas, é altamente improbábel. O que é difícil, que non é imposíbel é que o do PP recaia no PSdeG.

Se os socialistas acadan no voto de residentes ausentes un terzo dos votos que atinxe o PP, ademáis deses 135 sufraxios de diferenza, podería meter no peto o escano. De ser así, o PP pasaría ter 8 deputados (fronte os 9 obtidos o 25S) mentres o PSOE pasaría de 2 a 3. En Marea mantén os 2 obtidos hai unha semana e o BNG, 1. Mais o cambio é de maior calado, pois ese deputado a maiores para os socialistas situaríaos como segunda forza no Parlamento galego (15 cadeiras), adiantando En Marea (14) e pasando ser líder da oposición.

Antecedentes

Nas eleccións galegas de 1989 o BNG ficou sen sexto deputado por mor do voto CERA en Ourense, escano que foi para o Partido Popular. Unha situación que se volveu repetir nos comicios de 1997. O BNG logrou 19 escanos, 4 deles por Ourense. Mais o reconto dos sufraxios dos residentes ausentes tiráronlle un deputado pola circunscrición ourensá, que foi para as fileiras do PP. E esta situación volveuse dar unha vez máis, en 2004, nunhas eleccións europeas. Tamén en prexuízo do BNG e beneficio do PP.

Comentarios