Nas eleccións galegas, 10.143 inscrit@s emitiron o seu sufraxio

Por volta de 2 mil persoas, con dereito de voto esta fin de semana nas primarias de En Marea

Neste momento hai 1.952 persoas inscritas no web da organización. Terán a posibilidade de elexer entre tres candidaturas, a oficial, con Villares ao fronte; a que impulsa o deputado Davide Rodríguez (Anova) e a que promove Cerna, coa ex parlamentar Consuelo Martínez como cabeza de lista.

primárias

O censo de persoas con dereito a voto nas primarias de En Marea fechouse o sábado 14 de xaneiro ás 23.59 horas. 

Cumpre lembrar que En Marea reúne a militancia de no mínimo tres organizacións políticas -Podemos, Esquerda Unida e Anova-, ben como a afiliación das marés municipalistas. Visto así, a cifra de 2.000 mil persoas está claramente por debaixo do potencial da plataforma. De feito, nas primarias para a escolla das candidaturas ás eleccións galegas de setembro votaron un total de 10.143 persoas. Está claro que os distintos componentes partidarios da confluencia móvense máis en competicións eleitorais que nas orgánicas.

De acordo co calendario previsto para estas primarias -en que se elexe o consello das mareas e a súa coordenadora-, a campaña eleitoral interna deu comezo esta terza feira ás 00.00 horas e concluirá a sexta feira ás 23.59 horas. O período de votacións principiará o sábado ás 9 horas e terá o seu remate o domingo ás 23.59 horas.

Segunda feira 23 de xaneiro, a organización fará a proclamación provisaria de resultados e abrirá un prazo de 48 horas para eventuais reclamacións.

Tres son as candidaturas que se apresentan. A claramente favorita é a oficial, encabezada por Luís Villares e co líder histórico Xosé Manuel Beiras nela. Denominada Máis Alá, está a causar unha intensa polémica na base militante da Marea -o que está a ser especialmente visíbel nas redes sociais- ao excluír o propio Villares como portavoz e mesmo negarlle o dereito de voto no máximo órgao executivo da formación, a coordenadora. As listas críticas son Somos Quen, que lidera o ex alcalde de Manzaneda e deputado no Parlamento galego Davide Rodríguez (Anova), e Queremos Participar, promovida por Cerna e coa ex parlamentar Consuelo Martínez García como cabeza de lista.

Curiosamente, é nas candidaturas críticas e non na oficial onde acha apoios Luís Villares para ser o máximo referente orgánico da confluencia.

Segundo a información recabada por Sermos, é a Marea Atlántica -a plataforma liderada por Xulio Ferreiro- a que máis atrancos puxo para Villares unir á súa condición de voceiro parlamentar a de portavoz nacional da organización.

Máis Alá propón dotarse de tres portavocías -dúas mulleres, un home. Ningunha será para Villares. Segundo puido saber Sermos, o ex xuíz resta importancia a este feito e atribúeo aos esforzos -ás cesións de carácter persoal- que se deben facer desde todos os ámbitos para tecer consensos.

Reunión do Comité Eleitoral coas candidaturas

Fontes da organización indicaron a Sermos que esta quinta feira (18 h) o Comité Eleitoral irá ter unha reunión con representantes das tres candidaturas para lles dar traslado do censo definitivo destas primarias.

Nota de Sermos: na versión inicial desta noticia indicamos erroneamente que o fechamento do censo ía ser esta quinta feira ás 23.59 horas. En realidade, a listaxe de persoas con dereito a veto fechouse o pasado sábado ás 23.59.

Comentarios