O portavoz de En Marea resalta as potencialidades da cidade naval

Villares suma ao seu proxecto a Marea de Ferrol

unnamed
photo_camera Villares, no acto de Marea de Ferrol

Marea de Ferrol asinou hoxe o acordo de colaboración coa rede municipalista de En Marea nun acto no que participou o portavoz parlamentar Luís Villares e no que se manifestou a urxencia de "pór no centro as necesidades da cidadanía ferrolá cunha visión comarcal; contribuír á xeración de emprego e mellorar a calidade de vida e o medio ambiente".

"Pensamos que esta comarca ten presente e ten futuro", dixo Villares. "E estamos traballando para que a partir das próximas eleccións xerais teñamos a posibilidade de que o porto exterior de Ferrol estea plenamente operativo e conectado. Non competindo, senón cooperando cos demais portos de interese xeral de Galiza, que podería ser a porta de entrada en Europa das mercadorías. E non o está sendo agora porque a infraestrutura existente non está conectada á vía ferroviaria nin están desenvolvidas as posibilidades que ofrece". En presenza do canditado de Marea de Ferrol, Bernardo Lorenzo, Villares apostou por que Ferrol "deixe de ser coñecida como o Detroit galego para pasar a ser o Silicon Valley galego".

Frear a emigración, xerar emprego, apostar pola cohesión social e a xestión pública dos servizos básicos foron outras cuestións que mencionou Villares trala sinatura do convenio de colaboración. “É necesario mellorar as respostas en clave de novas oportunidades e desmercantización de bens públicos, coordinando o municipal cun proxecto nacional que non casa con ninguén máis que cos intereses da cidadanía", destacou o líder de En Marea.

Villares aproveitou para lembrar problemáticas laborais como a de Poligal e as "eivas"dos últimos orzamentos do Estado en relación á comarca de Ferrolterra. “Non había desenvolvemiento das vías ferroviarias entre Ferrol e Coruña, non se contemplaba a conexión e o relanzamento que requería o porto exterior de Ferrol, e por iso En Marea plantouse. E con ese aval nos presentamos agora tanto ás eleccións xerais como ás municipais. O de sermos a única forza política coherente durante toda a lexislatura á hora de dicir que se non hai apoio económico para o desenvolvemento de Ferrolterra non habería apoio para un orzamento estatal".

Luís Villares tamén fixo referencia as importantes expectativas da súa formación nas próximas eleccións xerais. O voceiro aproveitou para agradecer o respaldo das case 7.000 persoas que deron o seu aval para que a formación poida concorrer aos comicios do próximo 28 de abril, unha cifra que supón triplicar o número de respaldos que a formación precisaba para presentarse nas catro provincias galegas. 

Comentarios