MUNICIPAIS 2015

Vence asegura que o BNG “xoga na primeira liga, na de todo o país”

O voceiro do Bloque subliña tras o consello nacional da formación que a súa “é a única forza de esquerdas e nacionalista que pode derrotar ao PP por toda Galiza”. Anuncia unha imaxe renovada en campaña. 

Xavier Vence
photo_camera Xavier Vence

Este sábado o BNG reuniu o seu Consello Nacional para aprobar os obxectivos políticos cara aos comicios municipais do 24 de maio, aos que afirma que se apresenta reivindicándose como “a única forza capaz de ofrecer unha alternativa nacionalista e de esquerdas para derrotar o PP en todo o país, fronte á outras opcións que apenas se apresentan nun puñado de concellos”.  

Nesa liña falou o voceiro nacional da formación, Xavier Vence, que falou de que o Bloque conta cunhas 240 candidaturas xa preparadas: “O BNG xoga na primeira liga, na liga de ser unha alternativa ao PP en todo o país, ofrecendo á cidadanía un proxecto político común con alternativas e propostos concretas para cada concello pero cunha visión global de Galiza”. 

Para o líder nacionalista, os obxectivos da súa organización nos comicios de maio serán “certificar a recuperación electoral do BNG, evidenciar ante a cidadanía que o Bloque é a única forza política nacionalista de esquerdas con implantación en todo o territorio e tamén consolidar a representación nas grandes cidades e nos concellos nos que se está gobernando e obter presenza en todas as comarcas”. 

“Estamos incorporando a moitas persoas ás candidaturas que serán a base futura do proxecto nacionalista por todo o país, incluíndo xente nova”, engadiu Vence tras un Consello Nacional que tamén avanzou na elaboración da estratexia de campaña electoral, “cunha imaxe renovada”.

Comentarios