A oposición critica as contas do Goberno para 2020

Uns orzamentos para a precariedade

Uns orzamentos "rutineiros",  de "desidia", que "consolidan a precariedade" e centrados nunha "rebaixa de impostos aos máis ricos". Así califica a oposición galega o proxecto de lei de orzamentos para Galiza no 2020 que se vota hoxe no Parlamento e que sairá adiante grazas á maioría do Partido Popular 
feixoo debate parlamento boa

O proxecto de lei de orzamentos para Galiza no ano 2020 que se debate hoxe no Parlamento galego é o último antes de que se realicen as eleccións á Xunta. Os partidos da oposición coinciden en que son unhas contas pensadas para os máis ricos. 

A socialista Teresa Porritt, presidenta da Comisión de Economía, Facenda e Presupostos na cámara galega, será a primeira en intervir no Pleno desta mañá para ler o ditame da lei orzamentaria que, nas súas palabras, "pecha once anos de desidia" e supoñen o "fin de ciclo do proxecto esgotado de Feijóo". 

Porritt fai fincapé en que as contas da Xunta para 2020 "non resolven o grave problema demográfico" do país, agora co peor saldo vexetativo desde  1941. "Non coñecen a realidade do país e, polo tanto, non poden transformala", sinala a deputada socialista antes de criticar a nula aposta do PP pola creación de emprego e por artellar un plan de vivenda. 

Defende que a Xunta "debería ser o maior empregador do país" como unha medida para loitar contra a crise demográfica. Tamén expón a  necesidade de que as contas atendan non só á fractura que existe entre as cidades e o rural, senón tamén á fractura de xénero e á xeracional. 

"Da resignación"

Para o voceiro do Grupo Común da Esquerda, Manuel Lago, estes son uns presupostos "de resignación" que terán "graves consecuencias" no emprego e na economía do país. "A economía galega iniciou un cambio de ciclo e a desaceleración pode levarnos de novo á recesión", argumenta Lago, quen defende que o Partido Popular persegue "unha obsesión neoliberal para reducir os impostos aos máis ricos". 

Lago especifica que "a taxa de crecemento da economía galega é a máis baixa da Historia con Feixoo" e que a débeda pública aumentou en "7.500 millóns de euros nos últimos dez anos". "Feixoo vai deixar o país con 50.000 empregos menos que cando chegou ao Goberno", apunta como indicador do "fracaso" da política económica e orzamentaria da Xunta.

Por outra banda, o Bloque Nacionalista Galego estima que estes orzamentos "consolidan a liña precarizadora" do Goberno de Feixoo, que está "desgastado" e "sen ideas novas". Desde o BNG presentan varias propostas para "priorizar" o gasto e "recuperar" investimentos en servizos públicos especialmente castigados como a Sanidade. A deputada Noa Presas explica que "blindar os hospitais comarcais" é unha das súas demandas, aparte da creación de emprego. Precisamente, hoxe ás 12:00  horas está convocada unha concentración en defensa do paridoiro do hospital de Verín diante do Parlamento.   

O voceiro do Grupo Mixto, Luís Villares, destaca que os orzamentos non atenden a "emerxencia feminista e climática" que atravesa o país. "Hai un maltrato institucional e sanitario ás mulleres por parte do PP e un claro estrangulamento do medio rural", di. Así mesmo, Villares critica que o Goberno galego deixou de gastar "945 millóns de euros en políticas de emprego activas dos orzamentos" entre os anos 2011 e 2018. 

Desde o PP aseguran que este debate vai servir para "ver onde estamos todos politicamente". O portavoz popular no Parlamento, Pedro Puy, salienta a redución no imposto de sucesións e que estas contas "promoven a adquisición de vivendas en zonas pouco poboadas" coa menor tributación de todo o Estado. Ademais, o PP insiste en reclamar ao Estado os 200 millóns de euros do IVE de 2017 e os 170 de compensación por cumprir coa sustentabilidade financeira.

Comentarios