Unanimidade no Parlamento galego para recoñecer as vítimas de violencia vicaria

A proposición de lei do BNG continúa a súa tramitación para converterse en lei e permitirlles ás vítimas de violencia vicaria acceder á protección necesaria e ás axudas previstas na lei para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero.

Ana Pontón durante o debate no Parlamento. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Ana Pontón durante o debate no Parlamento. (Foto: Nós Diario)

O Pleno do Parlamento aprobou por unanimidade a toma en consideración da proposta lexislativa do BNG para que as mulleres que sofren violencia vicaria -a que se exerce a través da vida dos seus fillos e fillas- sexan consideradas vítimas de violencia machista.

Despois da toma en consideración, o texto continúa a súa tramitación para converterse en lei, o que lles permitiría ás vítimas de violencia vicaria acceder á protección necesaria e ás axudas previstas na lei para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero aprobada en xullo de 2007.

Até o de agora, a lei non recoñecía estes casos como violencia de xénero, polo que non están incluídos no estatuto de vítimas de violencia machista e non reciben axuda económica, laboral, social nin psicolóxica neste concepto.

Na presentación da iniciativa a líder da oposición no Parlamento, Ana Pontón, preguntaba se “pode alguén imaxinar o sufrimento dunha muller á quen o seu maltratador decide atacala arrebatándolle para sempre aquilo que lle é máis querido?”, e definiu como “incomprensíbel, e mesmo diría que é eticamente intolerábel, que por riba se lles prive do mecanismo de protección integral que supón o estatuto de vítimas de violencia machista”.

Dar resposta

A deputada do PSdeG Noa Díaz salientou que a violencia vicaria é unha das “violencias máis atroces”, e lembrou que desde 2013, morreron 38 menores por este tipo de violencia.

Polo PP, a deputada Paula Prado amosouse a favor de ampliar a lei actual, un recoñecemento que fai a Galiza “pioneira” e que vai en liña cos acordos do Convenio de Istambul.

Na súa intervención, Pontón pediu o apoio dos grupos parlamentares para “dar ás mulleres vítimas da máis devastadora e retorcida da violencias machistas a resposta que nos piden”. Así mesmo, Pontón agradeceu o apoio que manifestaron desde PP e PSOE para sacar adiante esta iniciativa.

As medidas que se impulsan na proposición de lei parten das propias vítimas e da súa experiencia, informou o BNG.

Medidas

Entre estas propostas atópase o desenvolvemento dun protocolo de actuación diante dun caso de violencia vicaria, recursos para optar a axudas económicas que permitan facer unha terapia que é longa e custosa, así como un protocolo para os medios de comunicación, para que se preserve a identidade e intimidade das vítimas, evitando o sensacionalismo, a sobreexposición e a presión mediática non buscada nin desexada.

Na proposta de lei tamén se inclúen medidas para facilitar o proceso de reinserción laboral e axuda para as cargas económicas derivadas da traxedia, como gastos de xestións, de seguros, avogadas, recursos ou trámites administrativos e xurídicos.

Comentarios