VÍDEO | A TVG oculta a petición de dimisión de Alfonso Rueda efectuada esta quinta feira por Ana Pontón

Na información sobre as declaracións política desta quinta feira obia a demanda de dimisión do presidente feita polo BNG.

Plató 300 de la CRTVG. (Foto: CRTVG)
Plató da CRTVG. (Foto: CRTVG)

A petición de dimisión dun presidente por parte do principal partido da oposición non é algo habitual do día a día, nin na Galiza nin en Europa. É unha demanda importante e de calado e, xa que logo, noticiábel. Mais non o deben de entender así desde a TVG, que optou por ocultar a petición de dimisión do presidente (Alfonso Rueda) feita pola líder da oposición (Ana Pontón).

No Telexornal do mediodía, no apartado que destinan ás informacións políticas do día, falouse da comparecencia o vindeiro 9 de setembro de Alfonso Rueda no Parlamento galego para explicar a súa xestión dos incendios.

A seguir, uns segundos nos que José Ramón Gómez Besteiro, secretario xeral do PSdeG, manifestaba que nesa comparecencia o seu partido ía pór sobre a mesa “un recompilatorio do que foron 17 anos de xestión forestal polo Partido Popular”.

Após Besteiro, no Telexornal saíu Ana Pontón (BNG), tamén uns poucos segundos. Un extracto da súa comparecencia ante a prensa esta quinta feira e na que pediu a dimisión de Alfonso Rueda. Mais esa petición non saíu no noticiario.

“A catástrofe que non  se debe repetir debe de ser un antes e un despois, e isto implica que o Goberno da Xunta debe de asumir responsabilidades políticas”. E até aí foi o que a TVG deu da intervención da portavoz nacional do BNG. Nada da petición de dimisión.

Unha petición que si foi recollida por medios de comunicación e axencias de prensa.A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, cualificou como unha "auténtica catástrofe ambiental, social e económica" a vaga de lumes que arrasou Galiza desde o pasado 8 de agosto, con máis de 162.000 hectáreas queimadas, segundo o proxecto Copernicus, miles de persoas desaloxadas, 180 casas destruídas e centos de explotacións agrogandeiras e forestais afectadas.

Comentarios