Parlamento

O traslado de Ence e os recortes en sanidade protagonizarán o último pleno antes das eleccións

Na sesión do Parlamento, que terá lugar o vindeiro 9 e 10 de abril, a oposición denunciará o desmantelamento da sanidade pública e o PP voltará defender a permanencia de Ence na ría de Pontevedra.  

Debate do estado da nación. Parlamento de Galiza.
photo_camera Parlamento de Galiza.

As forzas da oposición levarán á vindeira sesión do Parlamento proposicións, mocións e preguntas arredor da situación de desmantelamento que está a atravesar a sanidade pública galega. A celebración da sesión coincidirá coa folga convocada na atención primaria.

Franciso Conde, conselleiro de Economía, comparecerá para tratar a situación do sector industrial galego. Desde o PP consideran que o sector está atacado polo goberno español ao ter este abandonado a defensa xudicial da prórroga concedida a Ence, e que foi outorgada cando Mariano Raxoi era presidente en funcións. Nesta liña, Miguel Tellado avanzou que as iniciativas do PP teimarán na defensa da continuidade de Ence no seu emprazamento actual na ría de Pontevedra.

En Marea anunciou que denunciará as portas xiratorias de quen sae da política para entrar nas grandes empresas e o papel do PP como “lobby” para a permanencia de Ence en Pontevedra, denunciou Luís Villares.

Desde o BNG presentarán unha proposición non de lei para instar á Xunta a “liderar a procura dun novo emprazamento para Ence”, co obxectivo de recuperar Lourizán e a ría, segundo avanzou a deputada Olalla Rodil.

Alberto Núñez Feixoo terá que respostar ás preguntas da oposición relacionadas coa transparencia na administración que formulará o grupo de En Marea, sobre as residencias de maiores, que levarán desde o PSdeG, e sobre a “submisión recentralizadora” perante as directrices de Casado, coa que o BNG cualifica o comportamento e accións do goberno de Feixoo.

A Lei galega de rehabilitación e rexeneración urbana someterase a debate, e o grupo de En Marea defenderá a creación dunha renda social que garanta a percepción duns ingresos mínimos que permitan cubrir necesidades básicas da cidadanía, e por outra banda, que posibilite funcionar coma complemento “para mitigar as situacións de persoas que malia contaren con ingresos, se atopan en risco de exclusión laboral  ou análogas". 

Outros temas a tratar na sesión serán a situación das escolas infantís, a política forestal e de prevención de incendios, o saneamento da ría de Ferrol, obras en centros educativos, o abastecemento de auga en caso de secas, a situación laboral das traballadoras e traballadores do telemarketing e as taxas universitarias.

Comentarios